Piden que a Fiscalía e o Parlamento investiguen a xestión da pandemia nas residencias

A asociación de familiares e usuarios de residencias, Rede, faise eco das denuncias de sanitarios que traballaron en residencias ao GC e pide que sexan clarexadas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/08/2020 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Federación REDE de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, pide ao Parlamento de Galicia e á Fiscalñía que investiguen o que sucedeu nas residencias para maiores e dependentes de Galicia no período da pandemia e nas semanas previas.

Por iso, solicita das forzas políticas con representación no actual Parlamento Galego a conformación dunha comisión de investigación que estudie e analice o acontecido, e anuncia que así se fará polos cauces oficiais nos vindeiros días. Tamén reclama da Fiscalía abrir dilixencias de oficio para investigar, en concreto, as testemuñas de médicos sobre actuacións presuntamente delictivas nos centros de DomusVi en Galicia, desveladas por Galicia Confidencial nas que se denuncian sedacións de residentes ata a morte e a non derivación a hospitais.

Para as familias das vítimas, “a sociedade civil non quere pasar de puntillas pola maior catástrofe humana vivida en Galicia despois da Guerra Civil, porque senón falaríamos dunha sociedade gravemente enferma”. Según Paulino Campos, presidente de REDE, “hai en xogo moitos dereitos humanos fundamentáis que colocan a xestión da pandemia nas residencias nun eixe central na vida actual de Galicia, e, polo tanto, na axenda política: O dereito á vida, o dereito á información e o dereito á dignidade das persoas maiores vítimas ou sobrevivintes e dos seus familiares, foron vapuleados dun xeito groseiro e cruel”.

Nun comunicado denuncia que non se actuou, dende as empresas xestoras e dende a administración, con ética e xustiza; polo tanto, di “é imprescindíbel que se investigue con transparencia todo o que aconteceu na xestión da pandemia dentro e fóra das residencias”.  Non sería a primeira comisión de investigación sobre a xestión da pandemia nas residencias que se crease nos diversos parlamentos no Estado español, xa que as comunidades autónomas de Catalunya e de Madrid xa as teñen formuladas e en marcha. No caso de Catalunya co respaldo de todas as forzas políticas do arco parlamentario, xa dende finais de maio. No caso de Madrid, a Comisión foi impulsada pola oposición, e a posta en marcha pola Asamblea foi a principios de xullo.

A decisión de REDE, formulada agora oficialmente, de solicitar a creación da comisión de investigación no Parlamento galego, ven tamén auspiciada polas informacións, en parte, publicadas por Galicia Confidencial. De aí que REDE pida á Fiscalía que abra dilixencias de oficio para delimitar en concreto as testemuñas de sanitarios neste xornal que falan de supostas prácticas delitivas nas residencias de DomusVi en Galicia.

“Non se pode entender que a Fiscalía teña a suficiente sensibilidade social para abrir dilixencias de oficio para investigar se hai delito ambiental por tirar vagóns ao Sil e, en troques, se obvie a sedación sistemática de anciáns ata a morte, o fraude nos historiais clínicos, e a non derivación hacia os hospitais de persoas maiores en estado grave, todas elas prácticas aberrantes que poden dar luz ó funcionamento dunha organización criminal como moitos dos familiares de vítimas e de usuarias de residencias pensamos e estamos convencidos da súa existencia”, sinala o presidente de REDE.

“Non vou reproducir os calificativos empregados polas familiares das vítimas nas redes privadas de comunicación, sobre todo referidos á marca DomusVi, pero a indignación chegou ó seu teito de cristal”, afirma Campos, “os malos desta película de terror teñen que saber, que coa compaña ou sin ela da Xustiza e do Parlamento, os familiares, e o movimento social o redor das residencias, da dependencia e dos servizos sociais, non darán respiro na busca da verdade e da xustiza”.

Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias
Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias | Fonte: ICS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

¿ Onde está a xustiza? agochada detrás da lei