A área da Coruña empeza este luns as probas PCR aos colectivos especialmente expostos

Tamén pecha todo o ocio nocturno desde este luns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

A área sanitaria da Coruña e Cee comezará este luns co cribado centrado en colectivos especialmente expostos ou sensibles e concedeu citas para realizar probas nos concellos de Abegondo e Bergondo.

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o pasado mércores, tras a reunión do comité técnico, unha serie de medidas para a zona, que é a máis afectada na actualidade pola COVID-19 e concentra máis do 60 por cento dos casos activos. Entre as propostas están realizar unha serie de PCR a colectivos expostos e a persoas no grupo de idade entre os 18 e os 40 anos.

Fontes sanitarias indicaron o domingo que, ademais de manterse as actuacións establecidas ata o momento, hoxe comezan estas probas, para o que se utilizarán as listaxes proporcionadas polos concellos.

Pola tarde, os equipos realizarán as probas en Abegondo e Bergondo e ao longo da semana a área sanitaria avanzará nas tarefas noutras zonas para logo incorporar a outras persoas de distintos grupos e colectivos ao cribado. O sábado, destacaron as mesmas fontes, fixéronse 1.092 probas PCR na área sanitaria, que ten 778 casos activos na actualidade.

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, explicou o domingo, nunha entrevista á Radio Galega recollida por Europa Press, que o obxectivo é facer probas a colectivos con "contacto diario con poboación", como policías e traballadoras do servizo de axuda no fogar, e tamén "aos máis novos".

As probas a persoas de entre 18 e 40 anos comezarán tamén a semana que vén, dixo e apuntou que, en conxunto, poderían alcanzarse as 40.000 probas na área sanitaria con este sistema. O obxectivo é atopar "pacientes asintomáticos" que poderían transmitir a enfermidade sen sabelo, expuxo.

Dispositivo sanitario dunha proba PCR
Dispositivo sanitario dunha proba PCR | Fonte: EP

PECHE OCIO NOCTURNO

Por outra banda, o peche total do lecer nocturno na comunidade galega é efectivo desde as 00,00 horas deste luns. Trátase dunha das medidas pactadas na reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrada o venres.

Segundo a orde publicada este sábado no Diario Oficial de Galicia (DOG) só se pode exceptuar o uso de máscaras para fumar cando se garanta unha distancia de dous metros, incluídas as terrazas e os espazos ao aire libre.

A Xunta modifica as accións aplicadas no territorio e esténdeas tanto a cigarros electrónicos como a calquera dispositivo de inhalación de tabaco ou similares, como pipas de auga ou cachimbas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta