A 'cibdá de Armea', un gran recurso patrimonial e turístico para Allariz

Concello de Allariz e Universidade de Vigo presentaron o balance da novena campaña de escavacións neste xacemento. Segundo os arqueólogos, o asentamento de Armea estivo habitado entre os séculos I e II da nosa era.

Por X.M. Fernández | Allariz | 21/08/2020 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

A novena campaña arqueolóxica en Armea, na parroquia alaricana de Santa Mariña de Augas Santas, rematou o pasado venres deixando novos achádegos no coñecemento histórico da antiga "Cibdá de Armea". Adolfo Fernández, do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) e Vicedecano da facultade de Historia da Universidade de Vigo, desenvolveu durante este mes de agosto a escavación froito do convenio de colaboración subscrito entre Universidade de Vigo e o Concello de Allariz.  A Xunta de Galicia participa por primeira vez no financiamento dos traballos -a través da dirección xeral de Patrimonio- cunha achega de 30.000 euros.

Xacemento de Armea. Foto: Prensa do Concello de Allariz
Xacemento de Armea. Foto: Prensa do Concello de Allariz

A intervención deste ano na denominada Finca da  Atalaia, de propiedade municipal, centrouse nos traballos de escavación da domus leste, asomando importantes mostras de estruturas e estancias nas que se atoparon restos tanto pétreos coma de materiais cerámicos, tellas e vidro ademais de pequenas alfaias na súa maioría elaboradas en bronce.

A Cibdá de Armea, que segundo os arqueólogos estivo habitada entre os séculos I e II da nosa era, ten de momento escavadas 3 domus e unha vía central. Dentro desas domus o visitante pode atopar estancias con lareiras, muíños, zonas dedicadas a produción de utensilios de metal e vidro.

COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO DE ALLARIZ E UNIVERSIDADE DE VIGO

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e a Decana da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, visitaron as escavacións para por de manifesto a importancia da colaboración entre administracións no desenvolvemento deste tipo de proxectos. "Intereses académicos e locais pódense acercar grazas a este tipo de convenios” destacaba Reboreda, impresionada pola beleza do xacemento neste momento e polo traballo levado a cabo este verán polos alumnos da súa facultade e outros universitarios que acoden á convocatoria dende toda España.

Alén dos datos económicos, a rexedora alaricana salientou a "gran potencialidade e singularidade do xacemento que é xa un gran recurso patrimonial e turístico para Allariz" e sinalou a "necesidade de que nun futuro, e grazas a colaboración entre administracións, a campaña poida ser dalgún mes máis ao ano e non de 1 coma é na actualidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Que ganas de ir vela.