Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 24/09/2025 | Actualizada ás 22:00
As lapas arrasaron a Mezquita. Dos dez pobos do concello, só tres se salvaron da devastación. As montañas quedaron reducidas a cinzas, e con elas tamén unha parte da alma desta terra. Mais, no medio da barbarie, produciuse un feito inesperado: o lume deixou ao descuberto murallas ata entón descoñecidas do Castro do Castelo Pequeno.
O propio alcalde recoñeceu que, entre tanta dor, isto era unha boa nova. Para os arqueólogos supón unha oportunidade única de coñecer mellor este xacemento, unha xanela aberta a novas investigacións que permitan comprender mellor a vida nesta antiga fortaleza.
UN CASTRO NA ALTURA DA SERRA DA AZOREIRA
Ao sueste de Santigoso érguese o alto do Castelo, un lugar que é tamén un miradoiro fabuloso sobre todo o concello. Alí, a 1.254 metros de altitude, en plena Serra da Azoreira, sitúase o Castro do Castelo Pequeno, un dos máis visibles e espectaculares de todo o contorno.
Trátase dun asentamento da fase final da Idade do Ferro (séculos II a.C. – I d.C.), vinculado á cultura dos galaicos. Está formado por tres recintos fortificados, aproveitando as defensas naturais da montaña. Só o sector norte quedaba máis exposto, polo que os seus habitantes levantaron alí un campo de pedras hincadas que dificultaba o avance dos inimigos.
As murallas, feitas en granito, amosan aínda a súa grandeza. Na croa —o recinto superior— chegan a acadar dez metros de altura a pesar dos derrubamentos. No terceiro recinto, cara ao sueste, a muralla mide 4,30 metros de anchura e presenta un sistema construtivo semellante ao doutros grandes castros da comarca de Monterrei.
UN DOS MÁIS GRANDES DE GALICIA
O Castelo Pequeno abrangue entre 9,5 e 10 hectáreas, converténdose así nun dos castros de maiores dimensións de toda Galicia, só por detrás de Santa Trega e a carón de San Cibrán de Lás. Na Idade do Ferro, a maioría dos castros do noroeste tiñan apenas unha hectárea e uns 200 habitantes. Os grandes castros, como este, son posteriores, posiblemente resultado da unión de varias comunidades pequenas que buscaban formar unha entidade maior para adaptarse aos cambios da época.
EXCAVACIÓNS E ACHADOS RECENTES
Non é a primeira vez que se traballa neste lugar. Xa no ano 2017 se fixo unha prospección xeral do municipio, revisando o inventario da Xunta e o PXOM, e no 2018 realizáronse os primeiros sondeos arqueolóxicos no Castelo Pequeno.
Aquel ano excaváronse catro áreas, onde apareceron restos que axudan a reconstruír a historia do xacemento: fragmentos de cerámica da Idade do Ferro II, pero tamén do Ferro I, do cambio de era e mesmo do período medieval. Atopouse tamén unha fusaiola cónica, empregada na elaboración de tecidos.
En 2019 os traballos continuaron, documentando varios chans de ocupación e recuperando mostras para datación por radiocarbono. Descubriuse ademais un novo sistema defensivo na parte norte e mesmo unha fogueira con restos de carbón e sementes de trigo. No 2021 o Concello da Mezquita impulsou unha nova actuación arqueolóxica, cun investimento de 18.077,70 euros.
ENTRE A DESTRUCIÓN E A MEMORIA
O lume deixou cinzas e dor, mais tamén abriu unha porta. As murallas do Castro do Castelo Pequeno, ocultas ata entón, fixéronse visibles de novo, recordándonos a grandeza e a importancia deste xacemento único.
No alto da Serra da Azoreira, o castro segue a vixiar os vales da Mezquita, igual que hai máis de dous mil anos. E agora, grazas a esta tráxica circunstancia, tamén nos ofrece unha nova oportunidade para coñecermos mellor a nosa historia e a forza das comunidades que nos precederon.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.