A visión dun biólogo: "as orcas non querían atacar á embarcación, senón 'surfear' a onda que deixaba"

O investigador Bruno Díaz apunta que os avistamentos de orcas nas costas galegas "non sorprenden nestes meses". "Non excluímos a posibilidade de que se acheguen á costa", destaca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Non querían atacar senón "xogar". A imaxe dun grupo de orcas nadando nas costas galegas vén de causar impacto nas redes sociais por motivos que, en moitos casos, non atenden ó comportamento habitual do animal. É a sensación que se desprende da visión aportada polo biólogo Bruno Díaz, fundador e director do centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute, localizado no Grove.

Orca á par dun veleiro da Armada en Corrubedo, na ría de Muros Noia
Orca á par dun veleiro da Armada en Corrubedo, na ría de Muros Noia | Fonte: remitida

Tal e como destaca o investigador, a intención dos cetáceos que nos últimos días se aproximaron a algunhas embarcacións non era atacar o bote e os seus tripulantes senón aproveitar o "rebufo" do barco para desprazarse con maior facilidade. "As orcas buscaban 'surfear', por así dicilo, a onda que fai o barco ó navigar. Deste xeito pódense mover con maior velocidade á vez que gastan menos enerxía".

Aínda que no vídeo popularizado a raíz do suceso se aprecia como un dos animais destrúe parte do temón da embarcación, o biólogo vencella este acontecemento á "fraxilidade" do aparato e as "enormes dimensións do animal". "Vense atraídas ás embarcacións para xogar, sobre todo os exemplares novos", destaca. 

Con todo, o biólogo recomenda á poboación "gardar as distancias" con este tipo de animais porque "cada individuo é un mundo" e "trátase dunha especie con exemplares de grandes dimensións". Neste aspecto, insta ós navegantes que se vexan acompados por elas a frear a marcha. "Ao deter a embarcación na maior parte dos casos o animal apártase porque xa non hai o divertimento que o levou a aproximarse".

PROXIMIDADE Á COSTA

Por outro lado, explica que "aínda que non é habitual que estes animais se acheguen á costa", esta é unha posibilidade que "tampouco se exclúe". "Falamos de individuos con liberdade de movementos. Cada espécime ten autonomía", razoa. En calquera caso, o investigador pide á sociedade que "manteña a distancia" cos animais, unha suxerencia que se atopa regulada nun Real Decreto de 2007 que obriga a manter unha separación mínima de 60 metros con este tipo de exemplares.

AVISTAMENTOS QUE "NON SORPRENDEN"

Segundo apunta Díaz, os avistamentos de orcas nestas latitudes "non son tan estraños nestes meses". O investigador destaca que "son especies que se avistan puntualmente", xa que Galicia "non conta con exemplares residentes pero si é unha zona de paso onde se poden ver de xeito estacional, por exemplo cando se desprazan seguindo a unha presa que migra". Á parte, Díaz puntualiza que "a costa galega é moi rica en atún vermello, un dos seus alimentos favoritos". Con todo, destaca, a proporción deste peixe non resultaría suficiente para manter como residentes a un grupo dos cetáceos.

PIDE UNHA DIVULGACIÓN "MÁIS OBXECTIVA"

Díaz descarta, pois, que a motivación dos animais fora violenta ou agresiva, como ao ser ver reflectiron algunha das noticias desenvoltas sobre o suceso. "É importante que os medios divulguen con obxectividade porque algúns titulares poden botar por terra o traballo de anos de investigación", subliña. "Precisamos unha divulgación máis obxectiva", destaca en relación ao risco de que certas informacións leven a unha actitude de rexeitamento na sociedade. "Haberá que pense que como son 'asasinas' hai que exterminalas. A beleza do mar está para conservala e coñecela", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta