Os institutos galegos alertan: "non hai persoal nin espazos suficientes para cumprir o protocolo"

Defenden que a boa marcha dos exames de setembro non implica que o curso estea resolto: “pasaremos de 30 a 800 alumnos”. Direccións e docentes esixen máis persoal e unha mellora dos espazos: “non sei onde imos meter a todos os rapaces”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Saíu ben, pero non significa nada. Esta viría sendo a conclusión principal das direccións dos centros públicos de Galicia á fin do período de exames de recuperación. As probas celebradas ao longo desta semana, transcorreron, segundo as fontes consultados por GC, “sen incidentes” e “dentro da normalidade”. A experiencia, con todo, non implica que a seguridade sanitaria quede garantida de cara ó curso vindeiro. “É un experimento con pouca validez”, resume Francisco Rodríguez, director do IES Francisco Aguiar, de Betanzos.

Unha das aulas baleiras da facultade de Estatística da Universidade Complutense de Madrid. Eduardo Parra - Europa Press
Unha das aulas baleiras da facultade de Estatística da Universidade Complutense de Madrid. Eduardo Parra - Europa Press

Aínda que -segundo destacan as direccións- a situación vivida estes días non é suficiente para poñer a proba o protocolo da Xunta, si serviu para ofrecer unha primeira imaxe do que previsiblemente serán os próximos meses. Os exames de setembro desenvolvéronse xa entre estritas medidas sanitarias que, en esencia, foron as mesmas en todos os centros: xel hidroalcólico, máscaras, entradas e saídas controladas e, sobre todo, unha distancia interpersoal de polo menos metro e medio.

Nese último punto descansa a imposibilidade de trasladar a boa marcha destas xornadas ó groso do curso. Segundo destacan as direccións, a maioría dos centros desenvolveu as súas probas en espazos especificamente habilitados para tal fin: dende pavillóns polideportivos a salóns de actos – os que dispoñían deles. O cambio, destaca Carlos Ferreira, directos do IES Blanco Amor de Ourense, chegará cando os alumnos teñan que pasar ás aulas. “Estes días foron moi tranquilos a nivel loxístico porque sabiamos que ía haber ventilación e distancias suficientes, pero co curso pode cambiar”, augura.

DE 30 A 800 ALUMNOS

Máis alá dos espazos, cómpre lembrar que os exames de setembro tan só examinan a unha minoría reducida do total de alumnos do centro, unha diferencia que as direccións consideran clave á hora de deixar aberto o futuro. “A experiencia non resulta representativa do que virá logo porque as porcentaxes son mínimas”, valora Belén Vidal, Directora do IES Afonso X o Sabio, situado nas inmediacións da vila coruñesa do Burgo. “Con 30 rapaces é moi sinxelo gardar a distancia, con 800 xa veremos”, sentencia.

Aula con estudantes
Aula con estudantes | Fonte: arquivo

A problemática sinalada por Vidal é fundamentalmente a mesma que apuntan os responsables do resto de centros públicos do país. “A mañá transcorreu con normalidade porque había menos de 30 alumnos nos corredores. O difícil será volver ás aulas con 650”, destaca Francisco Rodríguez. A variación no volume do alumnado tamén obrigará ós centros a enfrontar situacións que non se viviron nestes días: “preocúpanos moito o emprego dos baños, e iso é algo que non experimentaremos ata que comece o curso”, pondera Rodríguez.

MENOS ALUMNOS

A dificultade para establecer comparacións entre escenarios vese agravada polo número anormalmente baixo de alumnos que tiveron que facer as probas. “Temos moitos menos rapaces que outros anos”, destaca Miguel Vázquez, á cabeza da dirección do IES Xoán Montes, situado no corazón de Lugo. Para Vázquez, o caída no número de alumnos nos exames non se debe tanto ao absentismo –“sen grandes cambios” con respecto a outros anos- senón ó sistema de avaliación empregado en xuño, particularmente flexible. “Tivemos moi poucos examinados este ano polos criterios do curso pasado”, coincide Belén Vidal.

Porén, a política de man aberta aplicada nas notas de xuño non evitará que en escasos días volvan ás aulas a totalidade dos alumnos. Esta situación está a dar “moitas dores de cabeza” -en palabras de Miguel Vázquez- ós equipos directivos, que en moitos casos atópanse con clases demasiado reducidas como para manter a distancia de un metro e medio -entre centros de cadeira- e manter o número de alumnos de anos pasados.

SEN PERSOAL PARA CUMPRIR O PROTOCOLO

A solución proposta pola Consellería de Educación para este suposto é facer desdobres; é dicir, repartir ós alumnos en aulas distintas para poder garantir a separación. Esta premisa, porén, choca coa “falta de recursos” que denuncia o director do IES Francisco Aguiar: “un centro coma o noso precisaría, polo menos, de dous a catro profesores para poder levar a cabo mellor o protocolo, e 14 para eliminar os riscos”, calcula. A problemática que describen dende o centro betanceiro é, en esencia, a mesma que pende sobre o resto de colexios da comunidade. “Aínda non sabemos se temos profesores suficientes para repartir ós rapaces”, destaca dende Lugo Miguel Vázquez. 

O conflito dos desdobres, lonxe de ser novidade, tensa as costuras dun sistema educativo que leva anos sufrindo a “falta de investimento da Xunta”, segundo denuncia a plataforma Profesorado en Pé. A directora do Afonso X descríbeo en poucas palabras: “levamos anos con ratios de alumno por aula moi elevadas. Tentaremos reducilas este ano, pero dentro do que nolo permitan as instalacións e o número de docentes. Para facer quendas [distribuíndo ó alumnado en horarios distintos] xa sabemos que non hai suficientes”.

PROBLEMAS DE ESPAZO

O outro gran problema que se cerne sobre as escolas e institutos de Galicia é a falta de espazos para aloxar ós alumnos cumprindo coas restricións sanitarias. Máis alá do conflito das aulas, Miguel Vázquez destaca a dificultade para manter as distancias nas zonas comúns. “No noso centro non temos salón de actos nin patio cuberto. Cando chovía nos recreos baixabamos ós rapaces ó sótano, pero non ten ventilación, co cal agora non sabemos onde os meteremos”.

A escasos días de que arrinque o curso máis atípico que se lembra, “incerteza” e “preocupación” son as palabras máis repetidas por unha comunidade docente que carga contra Xunta e Goberno. “As datas non son as correctas”, valora Miguel Vázquez antes de lamentar que “non hai moito tempo para xestionar a volta ás aulas”. Neste situación só queda traballar: “poñerémolo todo da nosa parte”, conclúe Belén Vidal, do Afonso X.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta