Crise Ourense: G. Caballero responsabiliza a Feijóo e di que Baltar é "o maior cacique que hai en España"

O líder socialista pide ao PP que "deixe gobernar" en Ourense "ao que gañou".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reiterou este mércores que os populares deben deixar gobernar en Ourense "ao que gañou" as eleccións municipais (os socialistas foron os máis votados) e "pasar á oposición", á vez que culpou do "espectáculo" que vive a urbe a Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar, a quen cualificou como "o maior cacique que hai en toda España".

"O de Ourense xa nos supera a todos. O que fixo Feijóo en Ourense colocando a Baltar e colocando a (Gonzalo Pérez) Jácome é unha laxa que leva sobre as súas costas e ten que comparecer. Ten que ter a dignidade de ir a Ourense e porse á beira de Baltar e Jácome a explicar o que el fixo e corrixir o que está a pasar", esgrimiu, en declaracións aos medios, tras reunirse co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez

Caballero culpou a Feijóo de estar detrás "dunha solución letal" para Ourense e insistiu en que el debe dar explicacións. Ao tempo, lembrou que nas últimas eleccións municipais o PSOE foi "a primeira forza política" en apoios na cidade. "Gañamos as eleccións municipais por primeira vez na historia coa candidatura encabezada por Rafael Rodríguez Villarino", salientou.

A partir de aí, insistiu en que houbo "un acordo contra natura" dos quen dicían "que Jácome era letal" e dos quen afirmaban que o PP de Ourense "era un partido de caciques" para evitar que gobernase "o que gañara as eleccións". Neste punto, remarcou que Feijóo debe asumir os seus "erros".

"Que o PP pase á oposición, que deixe gobernar ao que gañou as eleccións e que permita dar solucións ao problema que eles crearon. Esa vai ser a vontade que imos ter nós para traballar en Ourense, por volver á normalidade", dixo, antes de reafirmarse en que o "espectáculo" que vive a cidade das Burgas non se dá en ningunha outra urbe de España.

Gonzalo Caballero e José Antonio Gómez (UXT), tras a súa reunión en Santiago.
Gonzalo Caballero e José Antonio Gómez (UXT), tras a súa reunión en Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta