Un estudo da CIG apunta que só 1 de cada 4 centros en Galicia ten espazo para cumprir o protocolo

O estudo asegura que o 77% dos centros "non poderán facer desdobres" cos profesores dispoñibles. O sindicato carga contra a Consellería por sementar o "caos" nas aulas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2020 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

A poucos días de que comece o curso escolar os centros galegos seguen coa mesma alarma: as dotacións de espazos e docentes son insuficientes para cumprir co protocolo da Xunta de Galicia. Así se desprende do estudo "de urxencia" desenvolto por CIG-Ensino a partir de 175 centros galegos que imparten ESO, Bacharelato e FP.

Aulas. XUNTA
Aulas. XUNTA

Dende a formación califican as conclusións do informe como "contundentes" á hora de deixar clara a " irresponsabilidade" da Consellaría de Educación, contra a que cargan por manter "durante máis de dous meses" a negativa a aplicar as medidas de distanciamento "aconselladas a nivel internacional". Refírense, neste aspecto, á separación de un metro entre centros de cadeira -na práctica 50 ou 60 centímetros, segundo fontes do sector- que viña contemplada no protocolo de xullo.

Logo de semanas de mobilización e protestas por parte de sindicatos e anpas, a Xunta vén de anunciar que amplía ó metro e medio a distancia entre cadeiras, unha modificación que podería ser lida como unha concesión á presión da comunidade educativa. A hipotética cesión da Xunta, con todo, non serviu para calmar os ánimos de docentes e sindicalistas, que nestes días claman ante unha nova problemática: non hai recursos para dispoñer tal separación.

NIN ESPAZOS NIN DOCENTES

De acordo co estudo da CIG, tan só un 24% dos centros consultados afirman contar con espazo suficiente para manter a distancia nas aulas. "En moitos casos son centros do ámbito rural", puntualiza o sindicato. Esta falta de espazos explica que -tamén segundo a CIG- o 76% restante teña que facer desdobres. O principal problema chega cando os centros avisan de que tampouco poden asumir estes desdobres cos docentes dos que dispoñen, unha situación que afecta ó 77% dos colexios consultados.

O conflito, neste aspecto, non se atopa tanto nos espazos dispoñibles -o 68% afirma contar con espazo dabondo para acoller os desdobres- senón nos recursos humanos, que os sindicatos esixen ampliar con urxencia. Por riba, e tal e como xa publicou Galicia Confidencial, o problema do persoal á hora dos desdobres impide directamente falar de quendas de tarde e mañá, outra posible solución para cumprir os ratios recomendados pero que resultaría inviable coa dotación actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta