Unha nova vaga de once lumes arrasa unhas 3.200 hectáreas en Ourense

En Cualedro quedou desactivada a alerta 2 pola proximidade ao núcleo de Carzoá. A Xunta di que todos eles son "intencionados".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/09/2020 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

Un total de once incendios rexistrados en distintos municipios da provincia de Ourense calcinaron unhas 3.200 hectáreas. En Cualedro, o lume que afecta á parroquia de Montes que mantivo activada a alerta 2 pola proximidade ao núcleo de Carzoá. A través de Twitter, a Consellería do Medio Rural informou da desactivación desta medida preventiva ao xa "non haber perigo para núcleos de poboación", segundo explicou.

O alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, e os servizos de emerxencias do municipio recomendaran pola noite que centos de veciños permanecesen confinados nas súas vivendas para evitar que inhalasen o "moito fume" que levantaran as chamas.

A Consellería do Medio Rural tamén informou de que o maior incendio é o que afecta ao termo municipal de Lobios, con ao redor de 1.000 hectáreas calcinadas.

O segundo maior é o de Vilariño de Conso, con 600 hectáreas queimadas, segundo as últimas estimacións. Outros dous, o de Cualedro --que continúa coa alerta por proximidade a vivendas-- e o de Vilar de Barrio, levan arrasadas máis de 500 hectáreas.

Nas últimas horas, os medios de extinción lograron estabilizar os dous incendios rexistrados no municipio de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, e que finalmente se uniron nun único lume que afecta a 100 hectáreas.

Ademais, notificáronse outros dous focos activos na provincia de Ourense, que queiman 80 hectáreas en Vilardevós e 100 en Manzaneda, á parte dun rexistrado en Ribas de Sil (Lugo), con 20 hectáreas queimadas ata o momento. Tamén outro na parroquia de Cequeril, en Cuntis, arrasou xa 25 hectáreas.

O lume aproxímase as casas en Cualedro
O lume aproxímase as casas en Cualedro | Fonte: FBcomarcas de Monterrei, Frieiras e Viana

"INTENCIONALIDADE"

En total, once incendios continúan queimando a provincia de Ourense e este domingo o conselleiro do Medio Rural, durante a súa visita a Cualedro, aseguraba que todos eles eran "intencionados": "Fanse nun momento no que se di que vai haber choivas e son incendios que se colocan nos sitios nos que saben que o vento vai provocar moitos danos".

Por isto mesmo, José González dirixiuse aos incendiarios para advertilos de que a Xunta vai seguir "encima deles". "Temos moitos medios, moita tecnoloxía, e van ter que pagar non só con penas de cárcere, se se demostra esa intencionalidade, senón co seu patrimonio", aseverou.

Así mesmo, o conselleiro dirixiuse aos cidadáns para pedir que "boten unha man" ás autoridades. "Xa está ben, non se pode permitir isto. Temos que acabar con esta secuela dos incendiarios", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Moine

Deixar o monte a mato ou plantar pinheiros, eucaliptos, e outras espécies pirófilas é desertificar o País. No sul da Galiza teria-se que plantar oliveiras, que som bem rentáveis, e também castanheiros ou nogueiras no norte. Agora bem, a seguir votando PP ao serviço das celuloses e do negocio anti-incêndios.

1 anonimo

Pois eso habería que dicirlo aos propietarios do monte, que son a maioría dos galegos. E, unha vez mais, a causa eficiente dos incendios ( pola tarde, en épocas de seca e vento, e con varios focos) son as acción dos incendiarios, sexa o que haxa tras deles. A Xunta non incendia o monte, son os incendiarios, e eso é algo que algún non queren admitir.

1 Farto_

Unha vez máis ocorre o de todos os veráns. E un ano máis ollamos a incompetencia da Xunta, cuxas políticas resultan totalmente inutis, tamén dos corpos de seguridad do Estado, xa que todos estes delitos quedan sen castigo. Un completo desastre que require que sexa a sociedade galega a que esixa ás autoridades que de unha vez tomen medidas adecuadas e contundentes para atallar este grande problema que ten esta fermosa terra