Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 18:52
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que ofrecer datos de infectados por covid-19 "por concellos en tempo real" é "perigosísimo" porque podería causar "estigmas" para os afectados e para as localidades, especialmente en municipios pequenos. Así o dixo sobre a ausencia de datos desagregados da incidencia da pandemia en Galicia, durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta celebrado este xoves.
"Estamos a discutir que dereitos deben prevalecer", manifestou Núñez Feijóo tras subliñar que a información de "todas" as persoas que sofren ou padeceron o coronavirus está "nas súas historias clínicas", que non poden ser reveladas por protección de datos e respecto ao segredo profesional.
"Dar infectados por concellos en tempo real parécenos perigosísimo", sinalou para, a continuación, argumentar que a Xunta considera "unha decisión moi controvertida" desde o punto de vista do "respecto" á protección de datos revelar que, por exemplo, un concello cun censo de 1.000 persoas ten "sete persoas infectadas".
Neste sentido, demandou compresión para a non comunicación destes desagregados pois considera que "hai persoas con nome e apelidos que merecen protección sobre certos estigmas".
"Non é un problema de ocultación. Non temos ningún interese en non ofrecer esa información", sentenciou despois de cuestionar que criterio habería que empregar para ofrecer datos desagregados de "distintos gromos xa pasados" e que incluirían persoas que xa deixaron de estar afectadas polo virus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.