Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2020 | Actualizada ás 10:00
Primeiro paso de cara á organización no sector da dependencia galego. Nas últimas xornadas vén de ser comunicada a conformación da Asociación Galega do Sector da Dependencia (AGASEDE), unha agrupación patronal de empresas de residencias de maiores e centros de día, entre outras sociedades "de capital fundamentalmente galego".
A plataforma, conformada o pasado 22 de xullo, nace co obxectivo de "crear canles de comunicación entre as empresas do sector e a administración", en particular coa Xunta de Galicia. De feito, a asociación xa anunciou que vén de "solicitar audiencia" cos titulares das consellerías de Política Social e Sanidade. Segundo destacan, teñen previsto solicitar a creación dunha "mesa de traballo" para potenciar a "coordinación socio-sanitaria".
Porén, no seo do negocio das residencias privadas resulta difícil esquecer as cifras de mortos rexistradas na primeira vaga de pandemia, así como os primeiros casos de falecementos que están a ter lugar en centros deste tipo nas últimas semanas. Dende a plataforma aseguran que o sector foi "criminalizado" e subliñan a súa vontade de "defenderse" fronte a "xeralizacións" que tiveron lugar arredor de casos "descontextualizados" ou "illados"; segundo publica Faro de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.