A matogueira en perigo: especies invasoras, construción e falta de proteción oficial

As denominadas matogueiras de toxo, breixo e outras plantas de pequeno tamaño ven minguar a súa extensión, ocupando o seu lugar especies invasoras. Á parte disto, asociacións ecoloxistas e ambientalistas acusan á administración de non cumprir coa preservación destes hábitats, algúns deles, lugares de especies endémicas únicas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As rozas obrigatorias para evitar a expansión de incendios non fan distinción entre o tipo de monte ou ecosistema. Así, zonas de alto valor ecolóxico como económico sofren a acción de maquinaria pesada que elimina un manto vexetal e unha fauna única en segundo lugar. Ademais, a eliminación de determinadas especies vexetais non permite o desenvolvemento de actividades económicas como a apicultura, mesmo a gandería en extensión. Máis aínda, segundo movementos ambientalistas e ecoloxistas, as rozas están favorecendo a rápida expansión de especies foráneas ou invasoras. Isto débese a que a súa eliminación se realiza en época de floración, por tanto, as sementes destas plantas invasoras acaban espallándose e ocupando máis espazo.

Matogueira galega
Matogueira galega | Fonte: wikipedia

A MATOGUEIRA

Serafín González da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Julio Valeiras de Ecoloxistas en Acción, resaltan que a matogueira non é un espazo “baleiro”. “A mala reputación da matogueira, onde hai toxo ou breixo e outras plantas, vén de ser visto como un espazo sen valor, e nós insistimos que si o ten” di González. Ese valor é adxudicado á matogueira de interior como de costa. Ambas as dúas recollen baixo o seu manto tanto unha variedade de fauna importante como unha ampla variedade de insectos.

“Hai unha fauna avícola importante como as dúas variedades de tartarañas, a aguia real que ten neses terreos unha zona de caza, a aguia cobreira, e logo están os reptis e os insectos polinizadores” enumera González. Entre os polinizadores están as avellas, a base para o sector apícola, un sector con presenza dentro do sector agrario. En tal caso, a visión popular negativa sobre estas áreas fixo que durante moito tempo se visen como terras improdutivas, só para gando extensivo, e esta visión negativa “non está a ser corrixida pola administración”.

A directiva 4030 da UE recoñece que estes lugares son de especial protección como xa recolleu Galicia Confidencial. A cuestión é que desde a Consellería de Medio Ambiente aluden a que “non se protexe a “matogueira” -xa que este é un termo pouco específico e que incluiría silvas, toxos, xestas, uces, etc- senón unha serie de hábitats con diferentes características e niveis de protección”. Certo que as áreas de toxo, silva e outras arbustivas, non están protexidas.

Uña de gato
Uña de gato

Hai diversos hábitats, como a breixeira seca ou a breixeira húmida, que deben conservarse de acordo co sinalado no Decreto 37/2014, de 27 de marzo polo que “se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia”, di Medio Ambiente. Aínda así, non recoñecer determinadas plantas arbustivas como parte dos ecosistemas protexidos, é algo discutible segundo fontes ambientalistas consultadas.

ROZAS E INVASORAS

A falta de protección para as áreas de toxo, silva e outras plantas arbustivas propias do ecosistema galego, fai que a intervención humana en moitos casos sexa cando menos, contraproducente. “A matogueira ou mato, é un ecosistema que co paso do tempo pode transformarse en bosque” di Serafín González. Con todo, a presión urbanística, madeireira ou o simple maltrato con accións cuestionables (creación de firmes en camiños con cascallos, uso como vertedoiros incontrolados) está poñendo en perigo estas zonas.

Un caso recente foi a polémica desatada por unhas rozas en Cabo Estai, no concello de Vigo, onde se usaron máquinas pesadas. Logo de consultar este punto, tanto o Concello de Vigo, como o Servizo de Costas e Medio Ambiente, declararon que eran zonas particulares. Posiblemente os propietarios estaban aplicando a lei que obriga a limpar fincas en período de risco por incendios.

O que si destacaron desde Ecologistas en Acción foi o uso de maquinaria pesada para os labores de corta. Outro punto que sinalaron foi a escasa presenza de flora autóctona nesa parte da ría de Vigo. “Son áreas urbanizadas sobre todo con vivendas unifamiliares, cos seus xardíns e desde aí é moi probable que se estenderan as plantas invasoras desta zona”. Entre esas especies están a herba da pampa ou a herba de coitelo, moi invasivas as dúas. Outra especie invasora é a margarida africana e como non, o eucalipto.

“Desde logo que se son fincas particulares fano con toda a boa intención, por lei hai que rozar, mais nesta época do ano é cando florencen estas invasoras e a roza o que fai é espallar a súa semente” din desde Ecologistas en Acción. Non obstante, a mesma organización sinala que hai algúns puntos onde aínda pervive o mato autóctono, aínda que carente de protección.

Os intereses que poden estar detrás da destrución de áreas cubertas de arbustivas moi comúns en Galicia, van desde os urbanísticos, industriais (como a implantación de eólicos), madeireiros ou simplemente a desfeita intencionada sen buscar rendemento ningún.

A maioría de voces consultadas consideran que todas estas áreas deberan estar protexidas, porque nalgúns puntos concretos poden existir especies endémicas só dun lugar e que ata o de agora, non se tiña noticia delas. Por iso a insistencia de colectivos ambientalistas e sociais, en pedir a inclusión dentro do Plan Director da Rede Natura de todos estes espazos.

Herba da Pampa
Herba da Pampa
margarida do cabo ou africana
margarida do cabo ou africana
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta