A incubadora de fármacos, exemplo de colaboración público-privada en I+D segundo a Xunta

O goberno galego, a través da Axencia Galega de Innovación, celebra tres seminarios en liña para presentar a convocatoria para 2020 do proxecto europeo C-Voucher, que ten como obxectivo promover a economía circular entre as pequenas e medianas empresas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2020 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou este martes nunha mesa redonda en liña sobre colaboración público-privada no ámbito da saúde e da biotecnoloxía, onde puxo como exemplo deste proceso a incubadora para o descubrimento e desenvolvemento temperán de fármacos.

En concreto, no marco do Bio Investors Day 2020, da Asociación Española de Bioempresas (Asebio), Patricia Argerey xunto con Mabel Louza, directora científica da Fundación Kaertor, e Antonio Gómez, director de I+D de Janssen, presentaron o programa I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery), de descubrimento e desenvolvemento temperán de fármacos, a primeira incubadora de proxectos de investigación dedicados a descubrir novos fármacos en España.

Argerey destacou este programa como unha iniciativa "insignia" promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acelerar proxectos de ciencia disruptiva no campo do desenvolvemento global de fármacos, conectando a investigación básica coa industria e o tecido empresarial nun contexto de innovación aberta.

Articulada a través dun convenio, esta colaboración público-privada "é pioneira" e inclúe á Administración autonómica galega, unha das multinacionais farmacéuticas máis grandes do mundo, Janssen, e a Fundación Kaertor, entidade persoal sen ánimo de lucro, destacou a Xunta.

A colaboración, segundo a directora de Gain, contribuíu "a visibilizar Galicia como a Comunidade autónoma referente da economía baseada no coñecemento en innovación aberta en descubrimento de fármacos", así como á creación dunha "rede internacional de expertos que conectan Galicia cos centros de decisión europeos neste campo".

ECONOMÍA CIRCULAR

Por outra banda, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, en colaboración con varios clústeres empresariais, celebra tres seminarios en liña para presentar a convocatoria para 2020 do proxecto europeo C-Voucher, que ten como obxectivo promover a economía circular entre as pequenas e medianas empresas.

En concreto, as xornadas de presentación comezan este martes, 30 de setembro, ás 12,00 horas, na Asociación Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga) e continúan o vindeiro martes, 6 de outubro, ás 10.00 horas, en colaboración con Bioga e o clúster TIC, e ás 16,30 horas da man do Clúster Téxtil e Moda (Cointega). A asistencia e inscrición é gratuíta previo rexistro.

A convocatoria do proxecto C-Voucher está aberta ata o 30 de outubro e poderán presentar o seu proxecto pequenas e medianas empresas europeas dos ámbitos da saúde, a economía azul, o téxtil, a agroalimentación e a fabricación, para optar a axudas de ata 15.000 euros e asesoramento técnico.

Concretamente, trátase dunha nova convocatoria do programa Adopters, que forma parte do proxecto europeo C-Voucher, destinado a pemes que desenvolvan solucións circulares innovadoras que profunden na eficiencia enerxética e de recursos materiais, na enerxía renovable, nos produtos biolóxicos, na extensión do ciclo de vida do produto ou na economía de rendemento, compartida ou de plataforma.

As 24 pequenas e medianas empresas que resulten seleccionadas recibirán 15.000 euros en axudas e, durante un período de tres meses, poderán recibir asesoramento técnico durante a fase creativa de desenvolvemento do modelo empresarial circular e, tamén, para identificar outras posibilidades de financiamento do seu modelo de negocio.

Directora da Axencia Galega da Innovación, Patricia Argerey Vilar.. PARLAMENTO DE GALICIA
Directora da Axencia Galega da Innovación, Patricia Argerey Vilar.. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta