O PSdeG denuncia que manipulación informativa da CRTVG se intensificaron ata niveis “escandalosos”

Noa Díaz lembra que as traballadoras e traballadores da CRTVG “levan xa 123 venres negros vestindo de loito".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

A parlamentaria socialista, Noa Díaz, trasladou este martes ao director xeral da CRTVG a esixencia do PSdeG de dar cumprimento á Lei de medios públicos de Galicia “dunha vez por todas” e a que poña “fin a manipulación informativa” por parte do PP.  "É máis necesario ca nunca que a TVG cumpra coa misión de servizo público para a que foi creada”, dixo

Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG )
Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG ) | Fonte: CRTVG

A deputada do PSdeG, defendeu na Comisión de control da CRTVG a necesidade de “poñer fin ao uso partidista que a Xunta do PP” fai da radio e televisión pública, e que na actualidade derivou “nun preocupante descrédito e deterioro informativo”. A socialista lembroulle a Sánchez Izquierdo que as denuncias sobre a ausencia de pluralidade “veñen de moitos colectivos como Defende a Galega, o Comité intercentros da CRTVG ou o Colexio de Xornalistas”.

A través dun comunicado, a socialista explicou que aínda que “o problema non é novo”, foi neste contexto de pandemia e precampaña e campaña electoral cando “a manipulación informativa e o control político” se intensificaron ata niveis “escandalosos”. Para a deputada socialista “o acaparamento dos telexornais por parte de Feijóo ao tempo que se silenciaban as declaracións dos partidos da oposición non ten xustificación democrática”.

Neste sentido, a parlamentaria preguntou ao director xeral da CRTVG que valoración fai das denuncias arredor desta situación, e sinaloulle exemplos concretos. Entre outros, o acontecido nunha xornada de campaña electoral “nun día en que Feijóo visitou Verín e foi recibido cunha gran cazolada dos veciños, unha protesta recollida en tódolos medios mesmo estatais e silenciada na TVG”.

En cambio, Díaz criticou que “collendo ese mesmo día e o mesmo espazo electoral no mesmo informativo” a nova destacada da TVG foi que ás portas do mítin do candidato socialista, Gonzalo Caballero, había unha concentración de traballadores de Alú Ibérica. A mostra para a deputada socialista “da ausencia de criterios informativos e obxectivos” na edición dos telexornais. 

Ao fío disto, a deputada do PSdeG lembrou nesta comisión de control que as traballadoras e traballadores da CRTVG “levan xa 123 venres negros vestindo de loito e reclamando que se respecten os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Máis cartos por favor.

Subiron o IBI, van buscar os defraudadores, subiron as taxas en Compostela. E queren tamén unha taxa turistica. Os comunistas teñeno clarisimo, notase o gremio o que pertencen. Queren CARTOS, MONEY, a PASTA, O FERRO. Sempre fan igual

1 Sentidiño

Roma, Venecia e máis de 30 cidades italianas; París e outras 50 francesas; Amberes, Ámsterdam, Bruxelas, Viena... todas son cidades gobernadas por comunistas? (Todas teñen taxa turística!)