O valor e o prezo

Non sei se, como di o Goberno, España vai empezar a crecer a partir do ano que vén (algo que todos desexamos que se produza canto antes para poder empezar a reducir unha taxa de paro lacerante). O que si sei é que o que vai seguir decrecendo é o diñeiro nos petos dos cidadáns por culpa das decisións deste Goberno.

Por José Blanco | Madrid | 17/04/2013

Comparte esta noticia
Acabo de recibir estes días as respostas do Goberno a unhas preguntas que formulei hai xa tempo. E estas non fan senón confirmar o que vén sendo habitual con este Executivo: que cada vez que enxalza o valor dunha medida, o que se oculta detrás é o seu custo para os cidadáns.
 
Vexamos.
 
A primeira das respostas é sobre a subida das taxas xudiciais (a resposta íntegra, aquí). E os datos non poden ser máis elocuentes. En Galicia, a subida media foi do 66,6%, chegando no caso da provincia de Lugo ao 500% e no de Pontevedra, ao 933%. É a constatación económica dun feito innegable: o Goberno impuxo unha peaxe de acceso á xustiza, dificultando o exercicio dun dereito fundamental á xente con menos recursos.
 
A segunda das respostas incumbe á exclusión de medicamentos do financiamento público (a resposta íntegra, aquí). E o Goberno constata oficialmente o que os cidadáns viñeron sufrindo e denunciando persoalmente: a subida de moitos dos medicamentos que xa non paga a Seguridade Social. Até 49 destes fármacos experimentaron un encarecemento, que en media se situou no 45%, pero que en determinados casos elévase por encima do 100% (e nun caso extremo, até o 190%).
 
Cabe sorprenderse ante estes novos datos? Lamentablemente non, porque se algo caracterizou a xestión deste Goberno é acudir reiteradamente a sacudir o peto do contribuínte en nome dun sacrosanto obxectivo de déficit que, ademais, non cumpriu (e polo que Europa lle sacou as cores por trasladarlle datos maquillados, por non dicir incertos).
 
Fíxoo co IRPF, impondo unha subida ás rendas dos cidadáns que no caso de Galicia supoñen detraer do peto de cada contribuínte uns 290 euros de media.
 
Fíxoo co IVE, impondo unha peaxe a cada familia galega duns 436 euros de media.
 
Fíxoo coa educación, decretando unha subida de taxas universitarias e un recorte de bolsas de estudo que é un ataque directo á igualdade de oportunidades dos cidadáns.
 
Pero tamén o fixo coas pensións. Os galegos non só cobran as pensións máis baixas de todo o Estado senón que, a decisión do Goberno, imponlles un recorte medio próximo aos 400 euros. Iso a todos, porque hai 47.000 que tamén se viron afectados pola subida do IRPF. Ao que hai que sumar que todos eles, todos, viron como este Goberno lles cargaba por primeira vez en democracia coa obrigación de pagar polos seus medicamentos. Do mesmo xeito que están a sufrir os recortes na lei da dependencia ou o cobro de prótese e ambulancias.
 
Por tanto, taxas xudiciais e subidas de medicamentos son novas pingas nese vaso rebosante de medidas que demostran que para o Goberno os servizos públicos non teñen valor, teñen prezo. Un prezo moi alto para os cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Blanco José Blanco López, coñecido como Pepe Blanco, é un político do PSdeG-PSOE que naceu en Ferreira de Negral (Palas de Rei) en 1962. É deputado no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo. Ministro de Fomento, Senador, presidente do Consello da Xuventude de Galicia, concelleiro de Palas de Rei e Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia son algúns dos seus cargos da súa dilatada traxectoria política.