Científicos galegos crean un sistema barato e seguro de alertas de gas radon en fogares ou oficinas

O radon foi declarado carcinóxeno humano. Varios estudos alertaron das súas altas concentracións en Galicia, unha das zonas con maior concentración deste gas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Científicos da Universidade da Coruña deseñaron un sistema de alerta e vixilancia de gas radon seguro e de baixo custo, baseado en tecnoloxías de código aberto. Trátase dun conxunto de dispositivos deseñados para espazos habitables de tamaño regular, como fogares ou oficinas, que permite saber ao usuario, con antelación, se ese espazo ten ou non unha alta concentración de radon.

Foto do dispositivo (esquerda) e interface web do sistema (dereita)
Foto do dispositivo (esquerda) e interface web do sistema (dereita) | Fonte: Alvarellos, A., Gestal, M., Dorado, J., & Rabuñal, J. R. (2020). Developing a Secure Low-Cost Radon Monitoring System. Sensors (Basel, Switzerland), 20(3), 752.

Segundo os seus creadores, este sistema permite que “as persoas que ocupen eses espazos eviten o aumento das concentracións de radon” grazas ás alertas recibidas.

“Creamos un sistema de baixo custo de vixilancia, predición e alerta de nivel de radon, en case tempo real, emitindo unha alerta que indica que debemos tomar medidas para reducir os niveis de radon sempre que o sistema prediga unha alta concentración”, explican.

O sistema de control componse de dúas partes: os dispositivos (sensores) e o servidor (backend). Así, os sensores instantáneos, baseados nunha cámara de ionización pulsada,  monitorean os niveis de radon e envían datos periodicamente ao servidor, onde se almacenan e faise unha predición do nivel de radon para cada dispositivo.

O sistema utiliza o protocolo MQTT (Message Queuing Telemetry Transport, en inglés; principal protocolo de comunicación en dispositivos da 'internet das cousas'), o correo electrónico e as alertas visuais para informar ás partes interesadas.

Se se predí unha alta concentración de radon para un dispositivo determinado –por enriba do limiar de seguridade marcado pola UE de 300 Bq/ m3 (becquerelios por metro cúbico de aire), o servidor emite unha alerta: envía unha mensaxe MQTT a un topic  MQTT asociado co dispositivo (a través destes topics articúlase a comunicación, xa que emisores e receptores deben estar subscritos a un 'topic' común para poder establecer a comunicación). A mensaxe  MQTT tamén desencadea o envío dun correo electrónico ás direccións asociadas co dispositivo. Unha vez que o nivel de concentración de radon está por baixo do limiar, o servidor envía unha mensaxe indicando que os niveis volveron á normalidade.

Pero ademais de colleitar datos da concentración de radon, os sensores tamén miden temperatura, humidade, presión  barométrica e calidade do aire.

Os dispositivos do sistema utilizan dúas tecnoloxías de comunicación diferentes: a popular Wifi e Sigfox, aínda que os científicos planean incorporar e probar máis tecnoloxías de comunicación no futuro. Esta última, como destacan os creadores do sistema, “proporciona unha cobertura máis ampla”, o cal é “especialmente relevante para a monitoraxe ambiental, xa que permite utilizar os dispositivos en rexións onde o acceso a outras redes de comunicación non é posible; por exemplo, hai algunhas zonas rurais no noroeste de España sen acceso a Internet, polo que non é posible utilizar Wifi”, explican.

En ambos os casos, os dispositivos envían os datos ao servidor que os almacena, fai unha predición e envía unha alerta se é necesario.

Máis detalladamente, despois de almacenar os datos dun dispositivo determinado, o servidor predí o nivel de radon para a seguinte hora. Se se predí unha alta concentración de radon para un dispositivo, o servidor emite unha alerta, e cando o nivel volve ser inferior ao limiar de 300 Bq/m3, envía outra mensaxe para indicar que se volveu á normalidade.

Por último, os seus creadores destacan os protocolos de seguridade implementados, asegurando todo o roteiro de comunicación dun extremo a outro utilizando varias ferramentas e técnicas para evitar a falsificación de datos por parte de posibles atacantes.

Con este sistema, o usuario podería evitar altas concentracións de radon aplicando medidas para reducir significativamente os seus niveis e, así, reducir riscos para a súa saúde. Por exemplo, é recomendable a simple ventilación natural do lugar ou unha ventilación forzada no seu interior como primeira e básica medida.

O sistema foi presentado este ano na revista científica Sensors por Alberto Alvarellos, Marcos Gestal, Julián Dorado e Juan Ramón Rabuñal, do Grupo Investigación RNASA-IMEDIR, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Coruña (CITIC) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), da Universidade da Coruña.

UN PROBLEMA DE SAÚDE EN GALICIA

O radon en interiores é a segunda causa de morte por cancro de pulmón, só superado polo tabaco, e demostrouse que pode provocar esta enfermidade en persoas non fumadoras.

Un traballo de investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, demostrou que a exposición alta ao radón provoca un aumento do risco de padecer cancro de pulmón. Así, os científicos comprobaron que as persoas expostas a máis de 200 Bq/m3 duplican o risco de cancro respecto a aquelas expostas a niveis inferiores a 50 Bq/m3. 

O certo é que Galicia é unha das zonas máis afectadas por este gas canceríxeno, ao ser un dos elementos con máis presenza nas vivendas galega por estar presente en rochas como o granito.

Segundo un estudo realizado en Galicia, Castela e León, Comunidade de Madrid, Baleares, Cataluña e Castela-A Mancha, case a metade dos postos de traballo analizados  ten concentracións maiores de 300 Bq/m3, o limiar que marcan a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea (UE) para establecer medidas de mitigación do risco para protexer a saúde dos traballadores. E Galicia é que maiores niveis presenta.

A concentración media de radon de todos os lugares medidos foi de 123,5 Bq/m3. Pero no caso de Galicia disparouse até 251 Bq/m3, seguida de lonxe por Madrid con 61,5 Bq/m3.

É máis, existen datos que demostran que máis de media Galicia presenta un risco alto de concentración de gas radón, sendo a zona sur da provincia de Ourense e áreas de Pontevedra as máis afectadas polo gas.

Agora, co seu sistema anti-radon barato e seguro, os investigadores da Universidade da Coruña pretenden introducir unha arma accesible na loita contra este inimigo invisible e letal, que podería usarse en vivendas, oficinas, aulas…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta