Case a metade dos lugares de traballo analizados en Galicia supera os niveis de radon aceptables para a saúde

Científicos realizaron por primeira vez en España un estudo transversal sobre concentración de radon en distintos lugares de traballo en seis comunidades autónomas: Galicia, Castela e León, Comunidade de Madrid, Baleares, Cataluña e Castela-A Mancha. Os centros de traballo galegos superan en máis do dobre a concentración media de todos os lugares medidos no estudo e o 46% ten niveis de concentración por enriba do máximo permitido pola Unión Europea e a Organización Mundial da Saúde.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/10/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O gas radon en interiores é a segunda causa de morte por cancro de pulmón, só superado polo tabaco. Até agora sabíase que algúns lugares de traballo específicos teñen altas concentracións de radon (minas, balnearios, lugares de traballo subterráneos), pero os estudos en Galicia e no conxunto de España sobre as concentracións deste gas en espazos laborais eran escasos. Agora, un estudo piloto amplía a investigación sobre os niveis de radon nalgúns dos lugares de traballo máis comúns, en distintos sectores: educación, Administración Pública, sanidade, turismo e empresa privada. Os resultados son especialmente preocupantes para Galicia: case a metade dos postos de traballo analizados –o 46%– ten concentracións maiores de 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire), o limiar que marcan a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea (UE) para establecer medidas de mitigación do risco para protexer a saúde dos traballadores. 

Traballadores de Radon Spain, cun cartel que avisa sobre os perigos deste gas en espazos interiores
Traballadores de Radon Spain, cun cartel que avisa sobre os perigos deste gas en espazos interiores | Fonte: radonspain.com

Os científicos realizaron por primeira vez en España un estudo transversal sobre os niveis de radon en distintos lugares de traballo en seis comunidades autónomas: Galicia, Castela e León, Comunidade de Madrid, Baleares, Cataluña e Castela-A Mancha). As mostras recollidas foron analizadas no Laboratorio de Radon de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, realizándose unha análise descritiva da concentración deste gas por sector, por características dos edificios e por número de traballadores afectados.

A concentración media de radon de todos os lugares medidos foi de 123,5  Bq/m3. No caso de Galicia dispárase até 251 Bq/m3.

O número total de lugares nos que se realizaron as medicións limitouse a 248, debido ás restricións de financiamiento e atrancos administrativos. O obxectivo foi obter datos de lugares de traballo en áreas nas se espera que as concentracións de radon sexan altas, medias e baixas, de acordo co Consello de Seguridade Nuclear. As medicións realizáronse entre os anos 2016 e 2017. Galicia e Madrid tiveron o maior número de medicións, un 51% e 41,6%, respectivamente.

A concentración media de radon de todos os lugares medidos foi de 123,5  Bq/m3. Pero no caso de Galicia disparouse até 251 Bq/m3, seguida de Madrid con 61,5 Bq/m3.

De todos os lugares de traballo medidos, o 27% mostrou ter concentracións de gas radon por enriba dos limiares internacionais (OMS, UE), isto é, superaron os 300 Bq/m3, sendo Galicia a zona coa máis alta porcentaxe de todas as comunidades analizadas, cun 46% de espazos laborais por enriba do límite de concentración tolerable e admitido pola nova directiva europea. Madrid, en segundo lugar, alcanzou o 10,6%.

En conxunto, o 19% dos traballadores estiveron expostos a máis de 300 Bq/m3 e o 6,3% a máis de 500 Bq/m3.

Por sectores, o da saúde é o que ten a maior concentración de radon (media de 176 Bq/m3), seguido polo sector privado (129 Bq/m3), a Educación (109 Bq/m3) e a Administración Pública (60 Bq/m3). O sector turístico é o de menor concentración deste gas (49 Bq/m3). Porén, o escenario muda un chisco se se atende ás concentracións perigosas para a saúde, superiores a 300 Bq/m3: lidera a clasificación o sector sanitario (37,4% dos lugares de traballo superan o limiar establecido pola OMS e a UE), seguido pola Administración Pública (23,5%), o sector privado (22.7%) e a Educación (22,6%). No sector turístico redúcese o 6,9%.

Galicia ten a maior concentración de radon en interiores en todos os sectores laborais analizados.

As baixas concentracións atopadas en edificios do sector do turismo podería explicarse porque espazos como os hoteis acostuman ter áreas con maior ventilación e climatización, e "é ben sabido que ps edificios cunha climatización axeitada tenden a ter menor concentración de radon", argúen os expertos.

Por comunidades autónomas, Galicia ten a maior concentración de gas radon en interiores en todos os sectores.

É relevante o feito de que a concentración de radon parece aumentar coa altura, obtendo menores concentracións nos sotos 2 —os de maior profundidade—, onde en ningún caso dos que se analizaron se superou o limiar de 300 Bq/m3. Nos sotos 1 a porcentaxe elevouse a 28,3%, mentres que nas plantas baixas foi do 23,5%. O andar 1 dos edificios foi a zona con maior concentración media de radon, cun 75% por enriba dos 300 Bq/m3. Nos pisos 2 e 3 acadáronse tamén cifras máis altas que nos sotos e na planta baixa.

Tamén se observaron diferenzas na concentración de radon dependendo dos materiais de construción empregados. Nos edificios construídos exclusivamente con paredes de ladrillo interiores, a concentración media foi de 92 Bq/m3, pero cando o material é pedra, elevouse a 379 Bq/m3. Con "outros materiais" os niveis baixaron a 60 Bq/m3.

Os científicos alertan do "elevado número de traballadores" expostos ao gas e urxen a poñer en marcha un Plan Estatal de Radon.

PREOCUPACIÓN

Os datos, preocupantes, evidencian que "a exposición a radon podería ser un problema de saúde relevante nos lugares de traballo en España", xa que "o número de traballadores expostos parece elevado", sendo Galicia a zona máis afectada, alertan os científicos.

"Este estudo demostrou que o radon en interiores pode ser un problema relevante en contornas laborais, particularmente naquelas situadas en áreas propensas ao radon. Tamén é importante lembrar que as elevadas concentracións de radon en interiores tamén se poden atopar en lugares de traballo situados en rexións que non están caracterizadas como áreas propensas ao radon. Aínda que este é un estudo piloto, é a investigación máis relevante do seu tipo realizada en España", salientan os seus autores.

Á vista dos resultados, os científicos urxen a poñer en marcha un Plan Estatal de Radon e a aplicar a directiva da UE que establece medidas de protección fronte os potenciais riscos deste gas e que debeu terse feito efectiva en febreiro deste ano en todos os países.

Os investigadores atoparon unha "importante reticencia" por parte dos responsables dos centros de traballo para colaborar con eles.

Malia o problema, España segue obviando os riscos do radon en espazos interiores; non só a Administración Pública, tamén os responsables de moitos centros de traballo. De feito, os investigadores recoñecen que non só existe unha "impresionante falta de coñecemento sobre a exposición [ao radon] e o seu risco de saúde en España", senón que ademais tiveron que enfrontarse a unha "importante reticencia" por parte dos responsables dos centros de traballo para colaborar con eles. "De feito, aínda que inicialmente tiñamos a intención de rematar o estudo nun ano, tiña que estenderse un ano adicional", expoñen.

"Estes resultados deberían ser un aviso para empregadores e traballadores, e agardamos un aumento na conciencia sobre o radon", continúan os científicos, que se laian de que "o Goberno español non transpuxo a directiva europea a tempo e será multado pola Comisión Europea". En comparación, lembran que "outros países definiron perfectamente que lugares de traballo deben medirse, como a República Checa, onde os lugares de traballo construídos despois das leis de regulación do radon deben ter estruturas efectivas de mitigación" do gas.

O estudo, titulado 'Indoor radon in Spanish workplaces. A pilot study before the introduction of the European Directive 2013/59/Euratom', publicouse recentemente na revista científica Gaceta Sanitaria e está asinado por científicos do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública e do Laboratorio de Radon de Galicia –ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela–, do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), do Consorcio Centro de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) e do Instituto Sindical de Trabajo, Ambiente y Salud (ISTAS) e Secretaría de Salud Laboral de Comisiones Obreras (CC.OO.).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta