Temas: OURENSE CINE OUFF

O OUFF clausúrase con resultado "positivo e satisfactorio" e abre a porta a "outros 25 anos" de cine na provincia

A organización celebra que "as medidas e os protocolos cumpríronse con éxito".

Por E.P. | Ourense | 05/10/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A valoración do Ourense Filme Festival realizado este luns na cidade de Ourense polo presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, e os coordinadores do festival, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Vilar, resultou "positivo e satisfactorio", así como un sinal de que "o ano que vén será o inicio doutros 25 anos máis".

Rolda de prensa de balance sobre o OUFF.
Rolda de prensa de balance sobre o OUFF. | Fonte: Europa Press.

Con esas palabras cualificou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o 25 aniversario do evento. Así, asegurou que "foi un éxito" se se ten en conta "xa só o feito de poder celebralo" que é "unha vitoria no momento actual", pero tamén por lograr proxectar 62 filmes e case 30 curtos.

Deste xeito, cumpriron os organizadores co 99 por cento da programación exposta e unicamente fallaron os concertos de Luar na Lubre e da Agrupación da Limia coa homenaxe a Ennio Morricone.

En canto ás cifras Baltar destacou que, "non son as de anos anteriores" polos motivos "xa coñecidos" --no contexto de pandemia--, pero é unha ocupación de pleno de capaidade en case todas as proxeccións. En concreto, chegouse a colgar reiteradas veces o cartel de entradas esgotadas.

Ademais, sinalou que se trata dunha asistencia que non "só presenciou, senón que participou" puntuando as obras visualizadas. Así, un 89,2% dos asistentes, coas súas puntuacións, asignaron unha valoración media de 4,2 puntos sobre 5, o que para a organización deixa claro "a gran calidade do programa".

A CULTURA É SEGURA

O OUFF foi tamén durante estes días punto de encontro e foro de debate onde se reuniron produtoras, distribuidoras e persoal artístico que puideron conversar sobre novos proxectos e que "moitos terán como protagonista a Ourense", sinalou Manuel Baltar, quen afirmou que a cidade é "capital do cinema galego" porque "os feitos así o demostran".

Un dos coordinadores do festival, Miguel Anxo Fernández, mantivo que "as medidas e os protocolos cumpríronse con éxito" e agradeceu o bo entender do público quen, ademais de participar nas votacións tivo un excelente comportamento e foi un gran apoio ao festival. Pola sala pasaron 3.000 espectadores como indicativo de que "a cultura pode ser e é segura".

Estes 3.000 espectadores representan un 25 por cento dos asistentes o ano pasado, aínda que o coordinador expuxo que, dadas as circunstancias, "non son cifras comparables" xa que, se fose noutro momento "este ano habería maior capacidade" porque foi o único festival de Galicia cunha sección internacional de longametraxes de ficción que sobreviviu sen cancelacións ou adiamentos.

Por todo iso, Manuel Baltar concluíu que "foi un festival de cinema" nunha "cidade de cinema". Un gran ano para a cultura galega porque se celebraban os "100 anos da revista Nós" pero tamén os "25 do Ourense Filme Festival" que de cara ao 2021, polo momento, "manterá as datas", que se esperan "precursoras doutros 25 anos máis", porque o OUFF forma parte do "colectivo imaxinario galego da sétima arte", concluíu.

Temas: OURENSE CINE OUFF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta