A nai que os pariu (toda a puta vida)

A miña nai ten alzheimer. Moi avanzado e hai ben de tempo que é absolutamente dependente. Eu son o seu titor para todo o que teña que ver coa relación coa administración sanitaria. E hai uns días recibín unha notificación do Consellería de Traballo e Benestar informándome de que a partir de agora, copago sanitario para ela.

Por Francisco Castro | Vigo | 23/04/2013

Comparte esta noticia
Traballou toda a puta vida, dende moi cativa, e dende moi nena cotizou á Seguridade Social. Milleiros de euros. Insisto: toda a puta vida ata o final. E agora, o Estado informa que algúns dos medicamentos que precisa, e polos que leva pagando toda a puta vida, e que son necesarios para que o sufrimento se alivie un pouco, para que a dexeneración sexa máis lenta, que xa non. E que decida eu se acepto ou non o copago sanitario. Se acepto, xa llo van sacando da pensión. E se non acepto? Pois daquela, segundo a terrorífica notificación que me envían, teño eu que responsabilizarme de adquirilos.
 
Traballou coma unha burra seis días á semana. As infantas e o seu irmán, por dicir calquera cousa e poñer calquera exemplo inocente, non creo que tantos. Como autónoma, cumpriu con todas as obrigas legais que tiña que cumprir, no convencemento, como millóns de persoas, de que había ter unha vellez tranquila. E aquí o que se quere dicir é "sen preocupacións económicas". Cotizou tanto en tantísimos anos que xa non so ten dereito a unha praza nunha residencia pública (como está, e magníficamente atendida, ademais), senón que xa pagou máis que de sobra todos os medicamentos que necesite para o resto da súa vida que merece ser, a pesar das circunstancias, digna. E a dignidade das persoas, a estes indecentes que nos gobernan, creo que non lles importa unha puta merda. Por iso recortan en atención, en coidados dos que o precisan, en prevención. Quérennos a todos na sanidade privada, e quen non poida pagala, que morra e deixe sitio. Xa o dixo unha imbécil da consellería de sanidade de Madrid referíndose ao gasto que fan os enfermos crónicos. Pois que saiba esa señora que moitos imos pelexar para conservar o estado de benestar e as coberturas sanitarias tamén para ela, por se o día de mañá non se pode mover, precisa cueiros e non coñece a ninguén, coma a miña nai lle sucede dende hai anos.
 
En toda a miña puta vida recibira unha notificación tan inxusta coma a que aquí lles comento. É, literalmente, ademais dunha inxustiza, unha putada.
 
A miña nai está fodida. Dobremente fodida. Pola súa doenza e pola nai que os botou a todos estes...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro