Así é o famoso mapa "manipulado" da covid nos concellos

Feijóo anunciaba que este venres estaría xa activo un mapa dos casos en cada concello ao que agora se acedía só a través de La Voz, pero pagando. A nova ferramenta segue sen conter datos fundamentais para entender a evolución da pandemia que si publica o xornal coruñés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2020 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O mapa de incidencia da covid-19 nos municipios galegos xa pode consultarse desde este venres, día 9 de outubro, nunha nova sección da web de información sobre o coronavirus que ten habilitada a Xunta. Así o anunciou o presidente da Xunta, tras as numerosas queixas de concellos, partidos polícios e o Colexio de Xornalistas que denunciaron que para acceder a eles había que pagar a través do xornal La Voz de Galicia.

Mapa parcial dos datos de coronavirus por concellos
Mapa parcial dos datos de coronavirus por concellos | Fonte: xunta.gal

Pero o famoso mapa anunciado por Feijóo ten truco. Non inclúe os datos de novos contaxios diarios por concello, nin dos recuperados, nin as persoas falecidas a causa do coronavirus, nin os datos totais, nin a serie histórica. Información fundamental para saber realmente a evolución da pandemia en Galicia.

O novo mapa publicado polo Sergas só informa a través de distintas cores dos distintos niveis de alerta "segundo o nivel de novos casos" acumulados nos últimos 7 e 14 días. Para os municipios de menos de 50.000 habitantes haberá catro colorees: verde para menos de sete casos novos á semana, amarelo para entre sete e 13 casos novos, laranxa para entre 14 e 20, e vermello para máis de 20.

Os concellos de máis de 50.000 habitantes obedecerán a outra sinaléptica: o verde para os que detecten menos de 28 casos novos á semana por cada 100.000 habitantes, amarelo para entre 28 e 55, laranxa para entre 56 e 111, e vermello para máis de 111. "Indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións", explicaba este xoves Feijóo.

A información públicada non deixa de ser meras estatísticas con indicadores que reflicten pacientes con infección activa; pacientes actualmente hospitalizados en coidados intensivos; pacientes contaxiados, curados e falecidos; casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas e total de probas PCR e serolóxicas realizadas. É información que o Sergas xa dá nos seus partes diarios aos medios de comunicación.

Polo tanto, os concellos seguirán sen saber o número de contaxiados ou recuperados diarios que teñen, ou se hai algún falecido. Son datos públicos, que todos os cidadáns deberían ter dereito a consultar. Pero, para acceder a eles hai que pagarlle a unha empresa privada, a un xornal, La Voz de Galicia, que, ademais é o máis subvencionado polo Goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta