As confrarías da ría de Ferrol cifran nun 90% o descenso no volume de capturas de ameixa

Retoman as mobilizacións incidindo en que hai mariscadores que colleitan "250 gramos" ao día.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 09/10/2020 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Os patróns maiores das confrarías de Ferrol, Barrallobre (Fene) e Mugardos, que desenvolven o seu labor en augas da ría de Ferrol, cifraron nun 90% o descenso no número de capturas de ameixa dos seus asociados. Algún deles, segundo apuntou a patroa maior da Confraría de Ferrol, Isabel Maroño, "acudiu esta semana á lonxa con 250 gramos de produto para poxalo".

Ameixas
Ameixas | Fonte: Dianaccm08 en Wikimedia.

Ante este panorama, os mariscadores presentaron un novo calendario de mobilizacións que se iniciou cunha concentración ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol, desde as 13,00 horas, reclamando ás administracións solucións á situación que atravesan os seus asociados.

"Se non nos fan caso, o único que nos queda é ser como terroristas, facer lume e logo que nos acusen de facer dano, pero é a única solución que nos queda, xa que nós o que reivindicamos é poder vivir do noso traballo, non queremos subvencións, o único que queremos é buscar unha solución para a nosa ría e para as nosas familias", detallou Maroño.

ABANDONO DO SECTOR

O patrón maior da Confraría de Barallobre, Jorge López, detallou que a recolección de ameixa para os socios converteuse en "misión imposible" e que, aos problemas da presenza de lodos, recheos e cambios de correntes, "se uniu un parásito, o perkinsus olseni, que matou a case totalidade da ameixa babosa do banco das Pías".

En canto á posibilidade de acollerse a un cesamento de actividade ou paro biolóxico, López asegurou que segundo as súas "contas" non poderían entrar nesta modalidade "máis de tres ou catro socios, quedando o resto fóra".

"O que estamos a ver é que a xente o que tende é a deixar o sector, non ve futuro no mesmo e, por iso, o que vemos é que temos que mobilizarnos e pedirlles solucións a todas as administracións, tanto á Xunta como ao Goberno central", detallou López.

Por último, Jesús Pérez, como patrón da Confraría de Mugardos, corroborou a versión dos seus compañeiros e destacou que "o tema está bastante mal, con moitos postos de traballo que están en perigo inminente". "E a Xunta tennos que buscar unha solución", apostilou.

MOBILIZACIÓNS

En canto ás mobilizacións que teñen previsto desenvolver, ademais da do mediodía deste venres, os mariscadores acudirán o vindeiro xoves, día 15, desde as 13,00 horas, ante o edificio da Xunta en Ferrol, para realizar unha segunda protesta na praza de España.

O 22 de outubro, tamén ás 13,00 horas, haberá unha manifestación en vehículos particulares con saída desde a enseada da Malata, discorrendo polos concellos de Ferrol, Narón, Neda e Fene, finalizando en Mugardos.

Por outra banda, para o vindeiro venres 16 de outubro, ás 10,00 horas, nos locais da Confraría de Barallobre, están citados representantes das tres confrarías con responsables da Federación provincial de confrarías e da Federación galega de confrarías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta