Dime que votas e direiche como te informas

Os votantes de Podemos e Vox son os que consomen máis información política en Internet e, particularmente, nas redes sociais, segundo un estudo de profesores da Universidade de Santiago que mostra diferenzas significativas no uso dos medios polos simpatizantes destes dous partidos e dos do PSOE, PP e Ciudadanos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O noso consumo de medios depende da nosa orientación política. Se votas a Podemos, probablemente les máis novas diariamente en xornais que se a túa papeleta levaba a marca de Vox; se es do PSOE ou de Ciudadanos, seguramente o teu medio preferido para seguir a actualidade política é a televisión; e se o teu voto é para o PP, posiblemente o teu sexa a radio. E se falamos das redes sociais, aquí os máis activos son os podemitas e os ultradereitistas, sobre todo en Twitter.

Foto de candidatos no debate electoral do luns, 4 de novembro de 2019.
Foto de candidatos no debate electoral do luns, 4 de novembro de 2019.

Profesores do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentan os resultados dun estudo sobre o consumo de información política a través de medios de comunicación tradicionais e de redes sociais entre os votantes dos cinco principais partidos estatais –PSOE, PP, Unidas Podemos (UP), Ciudadanos (Cs) e Vox– nas Eleccións Xerais de España do 10 de novembro de 2019.

Para isto, empregaron o Estudo Postelectoral de Eleccións Xerais Novembro 2019 realizado polo Equipo de Investigacións Políticas da USC en colaboración coa Universidade de Granada (UGR). Os datos obtidos, din, “reforzan a idea do consumo de medios en función da orientación política”.

“Os resultados ao redor das cuestións sobre que xornais, que canle de televisión e que emisora de radio son as que máis consomen reforzan a idea de que os cidadáns adoitan acudir a aquelas liñas editoriais que máis se asemellan ás súas posicións”, explican.

Os autores do estudo atoparon diferenzas relevantes. Por exemplo, aqueles que afirman votar os dous partidos máis polarizados, UP e Vox, “son os que presentan un perfil máis dixital”, xa que “consultan máis diarios online, empregan en maior medida as redes sociais e o uso destas tanto para recibir información política como participar en política”, detallan os investigadores, que teorizan sobre isto: “Que ambas as dúas formacións conten cun marcado discurso anti-establishment podería afectar a decisión dos seus electores de buscar fontes alternativas de información; sendo esta unha tarefa máis sinxela de facer vía online”.

Neste sentido, consideran que “o novo espazo posibilitado polo uso xeneralizado da internet e das redes sociais parece ser especialmente propicio para estas novas forzas políticas, que atopan un novo campo comunicativo á marxe das fontes tradicionais”, de xeito que os politólogos da USC inscriben a Podemos e Vox nos chamados “connective parties, é dicir, “aqueles partidos políticos que delegan parte das súas funcións de comunicación aos seus seguidores e que buscan que estes reforcen as súas mensaxes”.

XORNAIS

Á hora de informarse polos xornais, observaron que son os votantes de UP os que fan un consumo máis regular da política a través da prensa: un 58,8 % afirma facelo todos ou case todos os días. En contraposición, entre os votantes de Vox esta porcentaxe de resposta cae ata o 47,9 %, sendo os simpatizantes da ultradereita os que menos acoden aos xornais de maneira regular. No medio atópanse os do PP (55 %), Cs (53,3 %) e PSOE (51,4 %).

Entre os que responderon que “nunca ou case nunca” seguen información política nos xornais, destacan os do PP (23,4 %) e PSOE (23,3 %), seguidos polos de Vox (22,2 %), mentres que nos votantes de Cs a porcentaxe cae ao 20 % e nos de UP ao 19,3 %.

E dependendo do formato –edición en papel ou dixital–, evidéncianse tamén diferenzas: o maior consumo de novas políticas só a través de de xornais en liña dáse entre os votantes de Vox (54,7 %), seguidos dos votantes de UP (51,7 %). Todos os demáis caen por debaixo do 50 %, sendo os do PP os que menos recorren aos xornais dixitais: PSOE, 48,8 %; Cs, 5 % e PP, 43,2 %.

Resulta interesante observar, ademais, que son os de UP os que menos acoden só á prensa en papel, tan só un 7,6 %, cando nos demais casos están entre o 12,5 % (Vox) e o 16,4 % (PSOE). Tamén é evidente que o papel xa é unha referencia menor fronte ás novas en liña.

Con todo, un 24,6 % dos votantes de UP din consumir novas en papel e dixital, seguidos polos de Cs (20 %), dándose a menor porcentaxe nos de Vox (10,9 %).

“Resulta curioso que no caso de UP e Vox, os dous perfís de votantes con máis consumo dixital, os segundos consomen menos da metade que os primeiros na opción que combina ambos os dous formatos”, destacan os investigadores.

TELEVISIÓN

Na análise da frecuencia coa que estes votantes seguen a información política a través da televisión, atoparon “datos curiosos”: os votantes de PSOE e Ciudadanos son, “con bastante diferenza”, os que realizan un consumo televisivo con maior frecuencia”, un 67,5 % e 65 %, respectivamente. No caso dos do PP, a porcentaxe dos que se informan a diario por televisión é do 60,4 %, mentres que entre os votantes de Podemos e Vox volve haber semellanzas, cun 58 % e 58,1 %, respectivamente.

Un dato salientable é a cadea elixida: socialistas e os votantes da formación morada optan principalmente por LaSexta para seguir a actualidade política, mentres que na dereita, os do PP, Cs e Vox prefiren Antena 3.

“Se algo queda claro, é que Telecinco non resulta unha opción para os electores á hora de informarse sobre política”, apuntan.

RADIO

No acceso a contidos políticos na radio, observaron que, en xeral, a frecuencia dese consumo é menor. Con todo, destacan a dos votantes do PP, xa que un 55,9 % afirma facelo todos ou case todos os días, seguidos polos votantes de Vox, aínda que a resposta a esta opción baixa ao 39,7 %. Os que menos adoitan escoitar a radio son os simpatizantes de UP, entre os que apenas chegan ao 22,7 % os que acoden a este medio de maneira diaria; de feito, os do partido morado son os que alcanzan maior porcentaxe na resposta “nunca ou case nunca”, cun 44,5 %.

A Cadena Ser, explican os autores do estudo, “é consumida maioritariamente” polos votantes de PSOE e UP, mentres que os que votan PP e Vox prefiren La Cope e os de Cs repártense entre esta última e Onda Cero.

INTERNET E REDES SOCIAIS

Os votantes de UP e Vox son os que máis empregan internet para informarse sobre política: o 66,4 % e o 61,9%, respectivamente, afirma que usa a Rede todos ou case todos os días con este fin. Logo están os de Cs, cun 57,6 % e son os votantes dos partidos tradicionais son os menos conectados á actualidade política diariamente nestas canles: PSOE, un 50,8 % e PP, un 42,9 %

“Comprobamos como os votantes das tres formacións máis novas [UP, Cs e Vox] son os que empregan internet con maior frecuencia para esta finalidade, mentres que entre os votantes socialistas e populares esta frecuencia baixa considerablemente”, expoñen os investigadores.

De feito, entre os votantes do PP, un 33,9 % nunca ou case nunca emprega internet para seguir a información política, fronte ao 14,3% dos votantes de UP nesta opción de resposta.

“Estes datos fan que nos expoñamos se o perfil máis dixital dos votantes de UP e de Vox (en menor medida dos votantes de Cs) fronte aos votantes dos partidos tradicionais se debe a unha diferenza entre estes sectores do electorado en relación á idade. Para contrastar isto quixemos comprobar que porcentaxe de cada grupo de votantes está en cada un dos grupos de idade. Se calculamos que porcentaxe de votantes de cada partido ten unha idade comprendida entre os 18 e os 49 anos, estes representan o 57,7 % dos votantes de UP, o 57 % dos de Cs e un 53,1 % dos votantes de Vox. Con todo, estas cifras baixan ata os 36,9 % e 43,5 % entre o electorado do PP e PSOE, respectivamente. De feito, a media de idade de cada grupo de votantes reflicte esta diferenza de idade”, detallan os autores do estudo.

En canto ao uso de redes sociais, Facebook é a máis empregada por todos. Con todo, apareceron diferenzas substanciais respecto á segunda e terceira posición: mentres que Instagram é a segunda rede social máis empregada para os votantes PSOE, PP e Cs, para os de UP e Vox é Twitter, “unha rede máis proclive ao debate político”, apuntan os investigadores.

O estudo está asinado polos profesores Nieves Lagares, Elba Maneiro e Serafín González e publícase este mes na Revista Ibérica de Sistemas e Tecnologias de Informação.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Sentidiño

Mágoa que este equipo galego non incluíse a TVG e as tertulias da RG na súa enquisa. O resultado había ser ben curuisi. Mais manda Madrid.

1 Gamela

Mágoa que os galegos "de nación" non apostaran polas Redes Propias ! https://i.gal/FalsasRedes