Beiras e Tito Vilanova

Unha das evidencias máis claras da sumisión absoluta dos medios de comunicación ao poder político, é que, á hora de informar sobre a puñada de Beiras sobre o escano de Feijóo, ningún se dignou a explicar a totalidade do suceso, quedando todo reducido á imaxe enfurecida do deputado e do seu puño pechado en primeira plana como todo argumento informativo.

Por Francisco Castro | Vigo | 01/05/2013

Comparte esta noticia

Ningún xornal comentou, ou case, que era o que estaba a dicir o presidente cando se produciu a enérxica resposta de Beiras (non menos "violenta" que o "que se jodan" dirixido aos parados por parte dunha deputada do PP, ou os insultos que o pobre Labordeta tiña que aturar dos do PP e PSOE no parlamento de Madrid cando tomaba a palabra). Os xornais titulaban coas verbas "puñetazo" ou o verbo "golpear", reducindo así todo o lamentable suceso a un arrouto violento dun deputado irascible.

Sen embargo, Feijóo algo estaba a dicir, algo que quizais debemos coñecer para entender o que pasou, porque o que non podemos crer é que se tratou dunha enaxenación ou dun ataque de irracionalidade. Beiras salta cando salta. Nun intre concreto do debate. Non antes. Xusto aí. Así que estaría ben saber de que se falaba, que dicia, e como,o presidente nese momento...
Mais iso non nolo contan. Como moito, dise de esguello. E o que foi unha reacción (non moi afortunada) de Beiras é vendido xornalisticamente como un ataque.
 
E a pesar de que eu sempre preferirei que este tipo de cousas non pasen, ata un pacifista coma min entende que cando hai un ataque, moitas veces, é como resposta a unha agresión inxustificada. Non sempre. Mais si neste caso.
 
Non se insistiu nada en que Feijóo estaba contestando a Jorquera e estaba facendo unha intervención indigna dun político, realizando un ataque "ad hominen", á persoa, tentando ridiculizala, un tipo de dialéctica máis propia do "Sálvame" de Telecinco que dun debate parlamentar. E atacando a Jorquera (e non aos argumentos esgrimidos polo deputado do Bloque) facendo referencia, ademais, ao comportamento no pasado de Beiras. Normal que, cando menos, como mínimo, que se cabrease.
 
E aínda que eu non son futboleiro, vanme deixar que lles lembre un episodio que todos teñen na memoria para me explicar mellor. Xa saben, aquela vez que o pacífico e comedido Tito Vilanova lle mandou unha labazada a Mourinho. Todos sabemos que Tito Vilanova non anda por aí repartindo hostias. Nin Beiras puñadas nos escanos presidenciais. Mais resulta que a de Tito foi unha resposta, unha reacción, diante dunha agresión, pois Mourinho viña de lle meter un dedo no ollo, por detrás e refuxiándose no barullo. O actual adestrador do Barça, aquel día, foi atacado cando el a ninguén estaba atacando. E digo eu que, cando a alguén se lle ataca, agrede e manca,o normal é que reaccione. E en ambos os ataques, contra Vilanova e Beiras, houbo violencia, un ataque inxustificado, innecesario e indecente.
 
Mais do duro do ataque presidencial non se fala. É máis útil, incluso electoralmente, reducilo todo ao comportamento violento de Beiras. E do outro, insisto, non nos falan. Non vaia ser que descubramos que tamén se pode exercer a violencia sen golpear escanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro