Educación reitera que traballa para lograr a "presencialidade completa" no IES Antón Fraguas de Santiago

O conselleiro defende a semipresencialidade como unha opción para "facer fronte á pandemia".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reiterou este luns que os servizos de inspección están a traballar co equipo directivo do IES Antón Fraguas de Santiago para tentar dar unha resposta que permita unha "presencialidade completa", como así demandan as familias do centro.

IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela
IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela | Fonte: Google Maps.

O titular do departamento autonómico defende a semipresencialidade como unha opción para "facer fronte á pandemia" e que en Galicia está limitada ás etapas educativas non obrigatorias.

No caso do IES Antón Fraguas, as familias denuncian a situación provocada por esta semipresencialidade en 1º de bacharelato, con alumnado que acode dous ou tres días á semana a clase, e reclaman a dotación de profesorado suficiente (uns seis docentes) para asegurar a atención aos mozos.

Respecto diso, a ANPA do centro denuncia que a proposta da Xunta é dotar aulas cun televisor instalado para emitir as clases impartidas noutros espazos, o que "non é unha alternativa válida" á atención dun profesor.

O titular de Educación insistiu en que se está traballando "caso por caso" para tentar "reducir ao máximo" a semipresencialidade e recoñece que a dotación de profesores podería ser unha opción, pero apelou a "buscar alternativas, factibles e lóxicas" sempre que non xeren "ningún prexuízo" aos centros e ás familias.

"Comprendemos as demandas das familias, pero teñen que entender que se traballa para dar solución a casuísticas diferentes", engadiu, en relación a outros casos de centros aos que se lles concedeu a súa petición de reforzos docentes.

De momento a ANPA do centro mantén o seu calendario de protestas e convoca unha concentración este martes, ás 12,20 horas, ante as portas do centro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta