A carencia dunha cultura federal

A pandemia sanitaria que apareceu na pasada primavera está servindo para comprobar a solvencia das estruturas económicas e políticas das distintas sociedades. No caso do Estado español, un dos campos de proba está situado nas características e funcionamento do sistema de reparto de poder entre a Administración central e as Comunidades Autónomas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/10/2020

Comparte esta noticia
Nos últimos anos, a organización territorial do Estado estivo sometida a tensións relevantes por mor da intensidade dos conflitos, de natureza nacional, rexistrados no seo dos tecidos sociais de Euskadi e Cataluña. A propia composición actual dos Parlamentos desas nacións reflicte a existencia dunha maioría política que non se identifica co modelo deseñado no vixente texto constitucional. Este factor de inestabilidade estrutural -que non se da nas restantes comunidades, nin sequera na galega- ten condicionado de xeito notábel a dinámica política estatal. Agora, o centro do debate está colocado noutro ámbito mais transversal: o modelo do Estado das Autonomías, tal e como está conformado, resulta adecuado para combater eficazmente a grave crise que estamos atravesando?
 
Como é sabido, as CC.AA. dispoñen de amplas capacidades para tomar decisións na sanidade, no ensino e nos servizos de atención ás persoas maiores. Todas estas areas están sometidas á presión provocada pola aparición do coronavirus. A pesar do que se afirmaba habitualmente pola grande maioría dos responsábeis políticos e dos criadores de opinión, o sistema sanitario público presentaba carencias importantes como consecuencia das políticas de restrición do gasto público practicadas a partir do ano 2010. O mesmo cabería afirmar respecto á situación das residencias de maiores e á perda de recursos rexistrada nos orzamentos destinados ao ensino público. O Estado de benestar tiña buratos de certa consideración que ficaron totalmente espidos cando a pandemia vírica inundou a vida colectiva.
 
O maior ou menor éxito na resposta dos distintos gobernos concernidos requiría o concurso dunha condición necesaria: a cooperación leal entre os executivos que teñen competencias no tratamento dos problemas mais sentidos pola cidadanía. O reto era harmonizar o exercicio dos ámbitos de poder existentes: fuxir da lóxica recentralizadora e, ao mesmo, tempo, non caer na tentación de practicar unha competición artificial ditada por cálculos electorais de curto prazo. Ao cabo, demostrar se existía, verdadeiramente, esa cultura federal que varios analistas viñan considerando como intrinsecamente asociada ao modelo constitucional de 1978.
 
Cando remate a incidencia da pandemia, poderase facer un balance mais definitivo. Poren, resulta pertinente adiantar a existencia de serios desaxustes no funcionamento das administracións implicadas. A pesar das declaracións mais ou menos solemnes, non se acreditou realmente nas oportunidades que ofrece a estrutura autonómica para dar a resposta específica que esixen as singularidades que posúen os distintos territorios afectados (características da dimensión e do asentamento poboacional; capacidade asistencial derivada do volume de recursos humanos e materiais empregados nos servizos de benestar; estabilidade maior ou menor das maiorías parlamentarias...). O caso concreto do PP é paradigmático: cando o goberno do Estado promoveu o estado de alarma protestou pola súa implantación e chegou a descualificalo como “ditadura constitucional”; posteriormente -cando as CCAA recuperaron as súas competencias- criticou a suposta pasividade do executivo de Pedro Sánchez. A versión esperpéntica desa liña de actuación foi protagonizada por Díaz Ayuso: nos días pares reclamou un tratamento diferencial para Madrid e nos impares esixiu “café para todos” como condición ineludíbel para ter unha actitude cooperativa.
 
Antes e despois de conseguir a maioría absoluta nas urnas, Núñez Feijóo demostrou cal é a súa folla de ruta en materia de autogoberno: tomar posición en función do cálculo da maior rendibilidade para a súa cotización no mercado das elites dirixentes do PP. Nalgúns momentos exhibindo un autonomismo verbal próximo ao de Urkullu; noutros sinalando a inminencia dunha apocalipse confederal que arruinaría a propia pervivencia do réxime do 78.Todo para non ter que asumir as eivas e os erros do seu goberno nos últimos seis meses.
 
Fagamos, por un momento, un exercicio de política-ficción: que tería ocorrido se, nesta traxedia sanitaria, o PP estivese na Moncloa e ocupase os escanos da oposición en todos os Parlamentos das CC.AA.? Non é moi aventurado afirmar que os seus dirixentes estarían postulando a necesidade de transferir as competencias sanitarias para reforzar contundentemente o papel da Administración central. Se hoxe non manteñen semellante posición non é pola fondura das súas conviccións autonomistas senón pola evidencia da importante perda de poder que tal medida representaría para a súa sigla en distintos territorios (Galiza, Madrid, Andalucía, Castela-León, Murcia...)
 
Se existise vontade política, dende o pasado mes de Marzo hai suficiente experiencia empírica acumulada para establecer cambios normativos e novas prácticas que permitan facer realidade esa cultura federal que ficou reducida ao catálogo das boas intencións retóricas.

O Rei Felipe VI e Pedro Sánchez. MONCLOA
O Rei Felipe VI e Pedro Sánchez. MONCLOA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.