BNG e PSdeG apoian o estado de alarma e o PPdeG prefire unha modificación da lei de saúde

Para Ciudadanos, "o estado de alarma, aínda que necesario, chega tarde e cunha duración excesiva". Esquerda Unida avoga por unha "aplicación estrita" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Nacionalistas e socialistas amosaronse este luns conformes co decreto de estado de alarma aprobado este domingo polo Goberno de Pedro Sánchez. Con todo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación presentará emendas ao estado de alarma para "acoutar mellor a duración", xa que se mostra en contra de que se estableza durante seis meses cando na primeira onda da pandemia renovábase "cada 15 días".

Control en Ourense
Control en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En rolda de prensa, Pontón sinala que se busca que "non sexa un estado de alarma preventivo" e que "non se pretenda eludir o control parlamentario". Avisa de que é necesario tomar medidas por cada territorio, á vez que apunta que o estado de alarma é compatible co "control e a rigorosidade" dunha medida que "recorta dereitos e liberdades", xa que "parece que se quere responsabilizar unicamente aos cidadáns da evolución do virus".

PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este luns ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que apoie o estado de alarma e que compareza no Parlamento galego tras estar "escondido" o pasado fin de semana.

En rolda de prensa, Caballero pediu a Feijóo que "rectifique" a súa posición" tras oporse ao estado de alarma polo "custo reputacional", xa que "por cuestión de reputación non se pode xogar coa saúde da cidadanía". O tamén portavoz parlamentario socialista demanda as medidas "necesarias" sociais, sanitarias e económicas ante unha evolución da segunda onda da pandemia "moi preocupante".

PPdeG

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, insistiu de novo este luns en que a modificación da lei de saúde pública "é a opción máis adecuada para loitar contra as consecuencias sanitarias da pandemia" no canto de ter que recorrer ao estado de alarma.

Puy lamentou que se chegou "a este punto porque non se fixo o que quedase en facer", en referencia á modificación desta lei orgánica anunciada polo Goberno. Por iso, avoga por levala adiante porque "a pandemia non vai terminar nun período curto de tempo".

Así mesmo, considera que "todas as forzas teñen que actuar con responsabilidade" ante a segunda onda do coronavirus, de forma que "todos teñen que achegar posicións" e "non converter" o estado de alarma "nunha especie de adhesión a consecuencia dunha pandemia sen ter certa capacidade de opinar".

"Precisamente por iso a propia lexislación propón que haxa un debate nas Cortes e que haxa posibilidade de propor emendas ou suxestións ao propio decreto do estado de alarma", opina.

CIUDADANOS

A coordinadora de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, advertiu de que o estado de alarma declarado polo Goberno central é "necesario" pero "chega tarde e cunha duracción excesiva", e asegurou que desde a formación laranxa negociarán para que o Executivo non teña "barra libre" e ofreza "explicacións en sede parlamentaria":

Pino sinalou que Ciudadanos apoia o Estado de Alarma "porque as medidas teñen que ter soporte xurídico", pero cargou contra a prórroga de seis meses que pretende alcanzar Pedro Sánchez.

"Non se fixeron os deberes, agora xa non podemos falar de prevención senón de contención. É o momento de tomar medidas contundentes que eviten máis mortes e que eviten un peche como o de marzo".

Por último, insistiu en que non se poden cometer os mesmos erros que en marzo e a necesidade dun Plan Nacional contra a pandemia. "Sánchez habilitou o estado de alarma para que as comunidades autónomas poidan tomar decisións, pero non hai un Plan Nacional que permita dar unha resposta coordinada contra o virus".

ESQUERDA UNIDA

Pola súa banda, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, avogou por que a aplicación do "contido" do estado de alarma que aprobou este domingo o Goberno central sexa "estrita" en Galicia, "dado o incremento grave" de casos de coronavirus.

Solla, en rolda de prensa este luns, valorou a medida do Executivo que preside Pedro Sánchez como "absolutamente necesaria" e considerou que "vai ter dous efectos positivos", un deles "outorgar un amparo xurídico ás decisións que se vaian tomando estes meses para restrinxir os movementos", por "ese mal chamado toque de queda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta