O ocio nocturno e a traxedia da covid: "moitos non chegaremos vivos ao 2021"

A situación do sector hostaleiro compostelán é agónica, segundo algunhas voces, aínda que de todo isto “aprendemos a unirnos”. Se as medidas sanitarias e de seguridade para o sector non se “relaxan”, a maioría dos hostaleiros da cidade terán que pechar no 2021.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Bares Pubs e Discotecas de Santiago (ABPDS) convocou unha manifestación para o 28 de outubro para, entre outros puntos, denunciar o que denominan “criminalización do sector”. Empresarios e empresarias da capital galega vinculados á hostalaría do denominado “lecer nocturno”, consideran que todas as medidas de seguridade tomadas en relación á COVID obrigarán ao peche definitivo de locais. Isto cando eles aseguran que “os contaxios nos establecementos de hostalaría son residuais, non representan máis que o 3.5% do total fronte ao 14% que se producen no ámbito familiar”, como reza o seu comunicado de chamada á manifestación.

Unha muller permanece sentada nunha terraza en Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Unha muller permanece sentada nunha terraza en Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press

CRIMINALIZACIÓN?

A ABPDS considera que as medidas das autoridades sobre a industria hostaleira son moi taxativas con eles. “Cando abrimos tivemos un plan moi rigoroso de medidas hixiénico-sanitarias e ademais, pasamos un cribado de todo o persoal en Santiago e, a día de hoxe, aínda non se fixeron públicos os datos”, di o secretado da Asociación, Martín Zarauza. “O mesmo equipo de goberno local da cidade dicía que Santiago era un exemplo de cumprimento das medidas” di Lucía Vázquez presidenta da ABPDS.

O elemento máis perturbador é que “cando hai un novo gromo as primeiras medidas son contra nós”. Este aspecto, din, pode contribuir á creación dunha imaxe culpabilizadora cando “non somos o sector culpable da pandemia”. Preguntados sobre cales cren que son os motivos detrás das medidas máis duras con eles, os hostaleiros cren que “é por factores políticos” porque “é algo moi fácil de facer e son medidas de cara á galería”.

Por outra parte, a adopción de medidas por parte do Concello como a posibilidade de ampliar as terrazas “nunha cidade con 230 días de auga por ano, non é unha medida suficiente, o que fai o Concello é nha medida de boa fé” di Zarauza, quen sinala unha “morte lenta” do sector hostaleiro a pesar das diferentes medidas que se estean adoptando.

Xunto a isto a ABPS alerta da influencia destas medidas máis alá dos mesmos locais. Co peche dos mesmos, son empresas de distribución, repartidores e outros locais como restaurantes, os que sufrirán consecuencias moi negativas, segundo esta asociación. A cousa é tan complicada para os hostaleiros, sobre todo os vinculados coa hostalaría nocturna que “non nos preocupa o Xacobeo, porque a maioría non chegará vivo empresarialmente ao 2021”. Detrás están os altos alugueiros para os locais, as taxas impositivas enormes, este ano de 2020 terán que pagar a terraza, non en 2021, e “ese ano moita xente estará buscando traballo”.

A UNIÓN DUN SECTOR

Lucía Vázquez remarca que “a pesar de ser un segmento económico moi importante para o Estado, ao mesmo tempo somos un segmento feble por estarmos esparexidos”. A maioría dos empresarios agora unidos, son pequenos autónomos con  bares, cafetarías ou pubs. Ao tempo que existía unha “desunión” entre o sector, estes locais servían para a socialización, elemento que agora debe seguir unhas pautas moi estritas.

“As medidas en Compostela estaban funcionando, porque desde xuño ata agora, que nos fecharon, os datos sanitarios da cidade foron moi bos” di Vázquez. Todo porque, segundo a presidenta da ABPDS cumpriron as medidas de maneira eficiente “e funcionaron”. Non obstante, se se pregunta cal é o gran paso dado polo empresariado hostaleiro, Vázquez cre que  é a unión dos empresarios e empresarias, “ e esa unión é moi forte”. “Cumprir coas normas para nós é tan importante como empresarios e como persoas para poder traballar”.

A situación comezará a resolverse “cando se faga algo para saír da COVID e non só política”, porque “queremos recuperar os nosos negocios dos que queremos vivir, non queremos ser pensionados”. Así, consideran que as partidas que se poidan destinar a incentivos poderían ser destinadas a mellorar os equipos de seguridade das policías locais, desta maneira “velarías porque a hostalaría sexa segura”.

A SEIS MESES VISTA

O “plan de reconstrución” previsto con fondos europeos incluirá tamén aqueles sectores que se vinculen ao turismo e hostalaría. Non obstante, para o acceso aos fondos europeos de reconstrución, é necesario presentar planos de actuación, deseñar o reparto do diñeiro europeo e xustificar cada céntimo que invista a UE.

“Nós agora con este novo estado de alarma está todo moi quente, non puidemos sentarnos e menos coas medidas que hai agora” sinala Vázquez. “Agora mesmo podemos dar por seguro que a noite non imos podela traballar ata o mes de maio”. Esta paralización non se sabe se afectará tamén aos servizos a domicilio, aínda que Vázquez suliña “entendemos que non”.

Polo de agora, os servizos xurídicos das asociacións de hostalaría están estudando vías alternativas, porque “debemos entender que isto é unha pirámide, se cae un caen outros sectores”. En tal caso, as medidas restritivas están facendo que algúns donos de locais non cobren alugueres aos hostaleiros, con todo iso non quita que moitos e moitas estean sen traballar pagando as súas cotas de autónomos.

A hostalaría compostelá deixou a imaxe que tiña durante os 80 e os 90. Agora hai unha nova visión empresarial que estaba consolidada, mais a COVID está deixando unha pegada moi profunda, tanto que o sector acaba de unirse logo de estar case toda a vida esparexido. A unión, para eles será agora unha maneira de reivindicar solucións, como que a Xunta se sente con eles para tratar os seus problemas.

Contactouse co Concello de Santiago ademais da Consellería de Economía para ter a súa opinión e valoración para este traballo. Non se tivo resposta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xabrega

E iso que istes aínda teñen ise enxendro alienante e despilfarrador chamado Xacobeo... Cómo estaran os outros!

1 Surbier

Moitos irán a Boisaca antes de tempo, si. Deses ninguén se acorda.