Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 13:54
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou este xoves na inauguración do VII Atopo da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) para a competitividade do sector, onde destacou o traballo do sector do xogo para adaptarse á pandemia coa implantación de "todas as medidas de prevención e organizativas" recollidas no protocolo aprobado pola Xunta para combater a covid-19 neste ámbito.
Durante a súa intervención, segundo informa a Xunta nun comunicado, Rueda incidiu en que a implicación do sector para pór en marcha e cumprir coas medidas esixidas polas autoridades sanitarias "contribuíu a que non se detectaron brotes asociados a este ámbito nin infraccións polo seu incumprimento".
Ademais, remarcou "o diálogo fluído" para atender as súas demandas polas consecuencias da paralización da actividade durante o estado de alarma, en especial en "axilizar a tramitación electrónica das xestións das empresas".
"MÁXIMO CONSENSO"
Por outra banda, en canto á tramitación da futura Lei do xogo, que permitirá actualizar a anterior norma aprobada en 1985, subliñou que a Xunta "traballará para conseguir o máximo consenso entre todos os sectores involucrados e tendo en conta tamén as demandas da sociedade".
Nesta liña, apelou á responsabilidade de todas as partes nun sector "cunha actividade lícita que se atopa moi regulada e, en consecuencia, moi vixiada e controlada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.