Piden 5 anos para o directivo de Santiago que se apropiou de 60.000€ da empresa falseando unha acta

A Fiscalía pide tamén uns 3.000€ de multa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2020 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide penas que suman 5 anos de cárcere e máis de 3.000 euros de multa para un directivo dunha mutua compostelá, acusado de falsidade documental e apropiación indebida, e que será xulgado o mércores e o xoves na sección sexta da Audiencia da Coruña, con sede en Santiago de Compostela.

Segundo o escrito de acusación pública, A.B.R., aproveitando a súa condición de presidente dunha mutua, solicitou á xunta directiva desta entidade a concesión dun préstamo persoal de 90.000 euros, cun prazo de devolución de 36 meses e un interese do euribor máis 1%.bA xunta directiva aprobou dita concesión o 3 de novembro de 2015 e, meses despois, a Consellería de Facenda solicitou documentación sobre ese préstamo, no marco do seu labor de supervisión das contas da entidade.

O 26 de setembro de 2016, A.B.R. remitiu a Facenda documentación facendo constar que a concesión do préstamo persoal fora avalada pola Asemblea Xeral da mutualidade. Para iso, modificou a acta da reunión da Asemblea do 18 de decembro de 2015, facendo constar un punto adicional, para simular que se deu conta da concesión do préstamo.

O acusado recibiu os 90.000 euros que pedira, 75.000 euros en cheques e o resto en transferencias bancarias. En xaneiro de 2017 devolveu 30.000 euros, pero non consta que reintegrase os 60.000 euros restantes.

Por estes feitos, a Fiscalía considérao autor dun delito de falsidade en documento público e outro de apropiación indebida, e pide que sexa condenado a dous anos e medio de cárcere, e ao pago dunha multa de 1.620 euros, por cada un dos dous delitos.

Xuízo
Xuízo | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta