Escudero, Fernández Díaz, Fabra: xente sen formar

O máis grave das declaracións de Beatriz Escudero, deputada do PP, durante o debate sobre a reforma da Lei do Aborto ao sinalar que as mulleres que máis abortan son as que menos formación teñen, non é que sexa unha trola coma unha casa (aínda que, en realidade, que importancia terá ese dato; é como se eu suliño que os que máis cartos teñen son os que máis corruptos están...pois haberá uns que si e haberá outros que non); o máis grave, digo, das súas declaracións, é que non nacen dos datos (que non se molestou en mirar e que sinalan xustamente o contrario, como calquera que lle dedique un mínimo de tempo a pensar sobre o asunto xa deduciría sen se esforzar moito), senón que nacen dun prexuízo, dun preconcepto aí instalado dentro do seu adn clasista, discriminador e, probablemente, machista.

Por Francisco Castro | Vigo | 11/05/2013

Comparte esta noticia

Todos temos prexuízos e preconceptos. Absolutamente todo o mundo. O que pasa é que non todos son iguais de perigosos. Sobre todo, se os prexuízos son os que gobernan a cabeza dos que teñen que tomar decisións e que, coas súas intervencións, xeran ideoloxía. E cando esta señora desinformada e pouco espelida di o que dixo, está demostrando que non pensa coa cabeza (onde viven os datos, que indican o contrario do que ela dixo) senón coas vísceras, que imaxino (enténdase que é unha imaxe literaria) podres de prexuizos. Como os que, por exemplo, luciu a súa colega de partido, a tamén deputada Andrea Fabra ao ceibar a burrada aquela, dirixida aos parados de 'que se jodan'. Porque hai moita xente que ten ese prexuízo aí instalado: os parados son uns putos vagos. Que se fodan.


Pensar dende os prexuízos non é pensar. É vomitar. É cagar (con perdón). O que fan os bispos, que vomitan e cagan nos homosexuais, nas parellas non casadas pola igrexa, nas que abortan, nos que non pensan coma eles. O prexuízo é excluínte e sempre violento. Sábeo Jorge Fernández Díaz, ministro do Interior, quen hai uns días dixo que o aborto e a ETA tiñan algo que ver. Eu sonlles un tipo culto. Esfórzome en saber que carallo terán que ver. Non lles sei. Debo de ser imbécil. Por falar galego, ser ateo, ter amigos gais e defender o aborto.

Toda esta tropa que nos insulta a diario ten un problema de formación.

Si.

Están de-formados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro