O accidente laboral mortal en Outes sucedeu ao ceder unha torre de alta tensión e caer os dous operarios ao chan

Os operarios caeron desde unha altura duns 60 metros; un faleceu e o outro resultou ferido.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2020 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O accidente laboral mortal rexistrado na mañá deste martes no límite dos concellos coruñeses de Outes e Mazaricos cun operario falecido e outro ferido ocorreu ao ceder unha torre de alta tensión e precipitarse os dous traballadores ao chan.

Ambulancia do 061.
Ambulancia do 061.

Así o confirmaron fontes da Garda Civil, que detallaron que este accidente laboral tivo lugar á altura do quilómetro 74 da estrada AC-400 cando os dous operarios procedían a "tensionar unha liña de alta tensión" e, por causas que se investigan, "unha torreta cedeu e fóronse ao chan" desde unha altura estimada duns 60 metros.

Os feitos tiveron lugar nunha zona de monte na parroquia de Valadares sobre as 10,15 horas deste martes, concretou pola súa banda o 112 Galicia. Foron varias persoas particulares as que avisaron do accidente, tras o que se solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o lugar un helicóptero medicalizado, no que foi trasladado o traballador ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Por outra banda, puntualizaron as mesmas fontes do servizo de emerxencias 112, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida ao outro operario accidentado.

Neste operativo interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os membros do GES de Muros, axentes da Garda Civil e da Policía Local, voluntarios de Protección Civil de Outes e Mazaricos e a empresa subministradora de electricidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta