O Parlamento acorda pedir á Xunta un plan de xestión do xabaril para controlar a súa poboación

A proposición non de lei tamén reclama á Administración autonómica a creación dun fondo de corresponsabilidade que conte cunha partida orzamentaria "suficiente" para o abono das axudas por danos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2020 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A Cámara galega instou ao Goberno autonómico, a través da aprobación dunha iniciativa parlamentaria, a acordar un plan de xestión do xabaril que sirva para controlar e estabilizar a poboación desta especie, así como a pór en marcha un fondo para indemnizar os danos causados en terreos agrícolas e outro de axudas para acometer medidas preventivas destinadas a evitar este tipo de episodios con rozas perimetrales.

A iniciativa, presentada polo PSdeG na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia celebrada este mércores, contou co apoio do Grupo Popular, mentres que o BNG optou pola abstención.

Ademais dos citados puntos, a proposición non de lei tamén reclama á Administración autonómica a creación dun fondo de corresponsabilidade que conte cunha partida orzamentaria "suficiente" para o abono das axudas por danos, así como das medidas preventivas.

Así mesmo, a Cámara demanda que se adopten medidas para solucionar "o colapso" do teléfono 012 de información á cidadanía que está a pór trabas a que as persoas afectadas por danos de xabarís en cultivos poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 12 horas establecido pola Consellería de Medio Ambiente.

Por último, apela a que se "extreme" o control biosanitario nas fronteiras para así evitar a chegada de partidas de carne de porco que poidan estar contaminadas co virus da peste porcina africana (PPA) e que se elabore un plan de contigencia ante a posibilidade de que se produza un caso desta patoloxía na Comunidade galega.

ITV VEHÍCULOS AGRÍCOLAS

Ademais do acordo sobre as medidas para facer fronte ao aumento da poboación de xabaril e os seus efectos, a Comisión 7ª da Cámara tamén deu luz verde a outra iniciativa, neste caso promovida polo Bloque, que demanda á Xunta que realice as xestións pertinentes para que se axilice o calendario de inspeccións itinerantes para vehículos agrícolas, tendo en conta que o 10 de novembro conclúe a moratoria adoptada durante o estado de alarma.

Así as cousas, e ante a "incerteza" sobre a posibilidade de que os propietarios dos vehículos que non conten coa revisión pasada debido aos cambios no calendario de itinerancia dos inspectores, o Parlamento insta o Executivo autonómico a interceder ante a Administración central para que se amplíe a prórroga das inspeccións "o tempo que faga falta" de cara a garantir que os tractores e maquinaria circulen dentro da legalidade mentres non son revisados oficialmente.

A proposición non de lei, despois de ser modificada respecto ao texto orixinal, saíu adiante cos votos do PPdeG e BNG. O PSdeG, pola súa banda, abstívose na votación.

xabaril. GOOGLE - Arquivo
xabaril. GOOGLE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta