Ógalla unha simple anécdota

Hai uns días a miña compañeira, despois da lectura dos varios xornais que mercamos os domingos, lembroume unha anécdota escoitada hai anos. O protagonista, neste caso o narrador, é un profesor que aos dous nos dou clase, na facultade de Ciencias Económicas de Santiago de Compostela. Un deses profesores aos que o paso do tempo dá mais valor, un deses profesores dos que anos despois de ter rematada a carreira segues gardando un bo recordo das clases e lamentas non ter prestado mais atención ao que intentaba ensinar sobre David Ricardo, Keynes, Hicks ou Pierro Sraffa...

Por Emilio Martinez | A Coruña | 10/11/2020

Comparte esta noticia
A anécdota, que hoxe comparto con vos, é a seguinte. Contaba o profesor que un dos titores do programa de doutoramento que cursara nunha universidade estadounidense propoñía aos doutorandos un caso práctico de discusión, no que obxectivo era  tentar chegar ao consenso nun tema controvertido, en economía, mediante o debate. Un dos alumnos tiña que tomar unha posición e o outro a contraria, diametralmente contraria. O profesor Unha vez proposto o tema os alumnos dispoñan as dúas horas para tentar chegar a ese consenso. Pasado o tempo tiñan que expoñer as conclusións, os puntos nos que se chegara a acordos, explicar aqueles nos que se mantiñan as discrepancias, detetectar as controversias irresolubles e resumir o proceso que realizaran para expoñer as diferenzas e tentar chegar a acordos, poucos ou moitos...
 
Houbo un curso, contaba o titor, no que coincidiu que os dous alumnos que tiñan que facer a simulación-discusión eran ambos españois... O profesor contaba, un pouco entre risas, que o resultado aquela vez o deixara sorprendido. Era un exercicio que viña repetindo ao longo de moitos cursos, moitas parellas de estudantes pasaran pola experiencia e sempre se chegara a algún punto de consenso,  cando menos a acercar as posicións... pero no caso daquela parella de estudiantes españois o paradóxico fora que nen sequera chegaran a poñerse de acordo en quen defendía unha posición e quen defendía a outra... duas horas gastadas nun tema que era banal, xa que a defensa dunha ou doutra postura podería ser arbitraria, o importante era o proceso de como se pode chegar a consensos... Duas horas discutindo, dando voltas aos mesmos argumentos, cada un obcecado na súa posición, falando e falando sen escoitar... 
 
A anécdota talvez esté esaxerada, os arredor de 25 anos pasados dende a primeira vez que a miña compañeira a escoitou terán feito mella na memoría dalgún xeito... pero o básico está contido no exposto.
 
A imaxe daqueles estudiantes españois incapaces de poñerse dacordo sequera nalgo que era imprescindible para comenzar a discusión é unha imaxe que representa á España de novembro de 2020, a imaxe da España de abril de 2020, de maio... a España... de sempre.
 
Non somos quen de acordar unha base común nun tema tan crítico para un país como é a educación,  cada goberno vexe na obriga de desenvolver unha lei xeral... Hai que dedicarlle tempo a memorizar as leises sobre a materia das últimas décadas. Resulta imposible acadar acordos amplos sobre os membros de órganos fundamentias para o funcionamento do Estado de Dereito... o espectaculo da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial é eso... todo un espectáculo...
 
Poderiamos revisar cento e un temas da historia política recente e en demasiados atopariamonos esa incapacidade para xerar acordos, para chegar a posturas comúns que nos permitiran ser unha millor sociedade, con proxectos comúns... A expresión “Pacto de Estado” parece incapaz de facerse realidade no Congreso, no Senado, na maioría dos parlamentos autonómicos ou nos salóns de plenos de milleiros de concellos... A Wikipedia define “Pacto de Estado”  como “a denominación que se da á práctica politica aos pactos políticos entre partidos de tendencias opostas parta enmarcar a acción do Estado a longo prazo en asuntos de trascendencia, sen consideración de que partido ocupa o goberno en cada momento”. Unha quimeira.
 
A xestión da pandemia, na que cada partido ten a súa cota de responsabilidade, pon en evidencia o dito nos paragrafos anteriores, a anécdota contada por aquel aprezado profesor convírtese no enunciado dos males que aqueixan a este país. Cada un xoga a aparentar que quere chegar a acordos... aparentar... pero o que de verdade importa é marcar as diferenzas. Ainda que non sería honesto non recoñecer que nisto tamén hai grados... non é o mesmo Ayuso sempre xogando á contra que Núñez Feiijo, xogando a despistar...  a quen podemos definir con poucas verbas: “Si pero non...”
 
Demasiadas veces escoito a uns e a outros e acabo pensando que a publicación que millor analiza a realidade política que nos rodea non é Claves, Tinta Libre, Mientras Tanto, Tempos Novos, Luzes ou calquera das moitas outras nas que escriben politólogos, filósofos, historiadores ou reputados economistas... a millor, sin dubida, é “El Jueves”, quen millor que Kim nos mostra a realidade da dereita extrema española nas viñetas de “Martinez el facha”?, ou quen millor que Carlos Azagra, con “Pedro Pico y Pico Vena” para introducirnos nesa esquerda noutro momento autodenominada “alternativa”?.
 
Non me atrevo a decir si os políticos son o froito da sociedade que somos, ou a sociedade está influenciada polos políticos que temos. Seguramente, como sempre que nos enfrentamos a sistemas tan complexos como son as sociedades nas que vivimos, todo está interrelacionado. Os culpables somos todos, non me cabe dúbida, e entre todos deberiamos buscar solucción, pero claro... sexamos galegos, cataláns, vascos, extremeños ou murcianos... neso de buscar soluccións xuntos, neso somos españois ata a médula: o importante, o que realmente nos importa, é que aos outros lle vaia pior...
 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a Comisión de Sanidade e Consumo do Congreso dos Deputados, en Madrid, (España), a 8 de outubro de 2020.. Pool
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a Comisión de Sanidade e Consumo do Congreso dos Deputados, en Madrid, (España), a 8 de outubro de 2020.. Pool
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.