Como se traduce ‘Lijphart’?

O consenso é máis doado proclamalo que conseguilo.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 09/11/2020

Comparte esta noticia
Escribo estas liñas tras escoitar a Van Jones, ex asesor de Obama e comentarista da CNN dicir entre saloucos que el coma moitos outros negros sinte que, coa saída de hoxe, logo de catro anos pode respirar.  O certo é que nada menos que 70 millóns de estadounidenses votaron a Trump, récord histórico para un candidato nominalmente republicano.   Na topografía electoral, repetida “ad absurdum” por John King e o seu mapa máxico ao longo das catro noites electorais, vemos que tan pronto saes das cidades o país de Trump, pick-up catro por catro e as gorras de América primeiro suman porcentaxes de sesenta e mesmo oitenta por cento. Só catro millóns, dun país de trescentos separan aos racistas fascistas dos socialistas multiculti.  Dise que unha das principais tarefas de Biden será a de reunificar o país, baixar o tono e buscar consenso. Difícil nun país tan dividido. 
 
Uns días antes, a Comisión Europea tivo que mandar recado que a proposta do goberno Sánchez-Turrión  de renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial por maioría simple supuña un perigoso esvaramento (“backsliding”) do Estado de Dereito. O que é xa normal en Polonia e Hungría, ante a inacción de gobernos e UE,  non é permisible na Europa Occidental. Así que, no momento álxido da moción de censura, Casado leu un discurso que nin escrito pola sé central do Partido Popular Europeo (Rue du Commerce 10, Bruxelas) nos días nos que non está Orbán, o PP alónxase da marcha verde e o goberno baixa o suflé, ´détente´ que se estendeu logo á pantomima autonómica da xestión da crise sanitaria. 
 
¿Significa todo isto que logo da psicose destes catro anos volve o tempo da racionalidade e os feitos? Duvidoso. Lembremos que hai só doce  máis de medio mundo celebraba  a fin da era Bush II, e con el da paranoia do post 11-S, tan ben ilustrada polas series “24” e “Homeland”.   Outros George Lloyd non poderán respirar, como xa pasou na época Obama. Os USA pode que volvan ao acordo de París pero as posibilidades de executalo son mínimas. As accións de Wall Street que subiron máis ao constatarse a maioría republicana no Senado foron as empresas farmacéuticas. E o que era racista onte seguirao sendo mañá. 
 
Hai case un cuarto de século suxerinlle ao recentemente retirado profesor Guillermo Márquez facer un estudo sobre a administración pública (tal era a súa asignatura) nas chamadas “democracias consociativas”. Este é o termo co que politólogo neerlandés  Arend Lijphart se fixo famoso (aparte de pola ortografía do seu apelido)  Describe aquelas sociedades dos Países Baixo e Suíza divididas por relixión, lingua, ideoloxía e territorio que son nembargantes remansos de consenso.  Certamente o meu interese era o feito de que no caso belga e suízo tódolos falantes tiñan o seu idioma oficial, nada de cooficialidade de segundas. Nin o estudo, nunha época na que se ensinaba maxistralmente e pouco de métodos  de investigación fóra do doutoramento (ao contrario, por exceso, de agora), tería un grande nivel visto hoxendía. Pero o certo é que o concepto quedou comigo. 
 
 Logo cheguei a vivir varias décadas nun deses países e ver que o suposto consenso é moitas veces unha componenda de moi baixa calidade. Pero non hai nada de malo aspirar a que xente que vive en burbullas separadas poida acordar respectarse mutuamente. Ese pacto entre distintos que supostamente tamén abandeira, -grande, roja y gualda-, Cayetana. 
 
Atopámonos sen embargo nun momento histórico en Occidente no que as inercias van por outros camiños. A desindustrialización á conta do amencer de Oriente, a dixitalización dos traballos restantes (a OCDE calcula que un 50% na maioría de rexións europeas) está xerando unhas enormes bolsas e territorios de lumpenproletariado, amantado por medios e redes de contido lixo que retroalimentan prexuízos e incultura. O galegodescentente Rodríguez-Pose estase a facer de ouro, academicamente falando, co concepto da “xeografía do descontento”, ese espectro que percorre Occidente cara o autoritarismo (Trump), o illacionismo (Brexit) e a violencia (os chalecos amarelos).  
 
Logo está o aburrimento democrático. Tradicionalmente estímase coma algo endémico de países con moitas décadas e mesmo séculos de participación democrática, e que leva á baixa participación en comicios. Está claro que se levas cada catro-oito anos intercambiando a Pepsi pola CocaCola vólveste un pouco escéptico duns e doutros. Moitos cadros de partido son capaces de cambiar de letra no medio da canción segundo conveña ás cores, ou aos líderes dos mesmos. “Política coma Profesión”, de Weber, un dos primeiros libros que nos facían ler en primeiro de carreira.  Hai que ter en conta que a maioría dos líderes políticos galegos e españois, se non viviron sempre na e da militancia, estiveron no paro ou a precariedade. Teñen todos, ademais, arredor de 40 anos, máis de dúas décadas restantes de percorrido laboral. Non tes incentivo para o consenso cando cres que tes toda a vida por diante. 
 
 Ao mesmo tempo, e paradoxalmente, aniña en moitos cidadáns a necesidade de canalizar as frustracións por medio da militancia, entendida no senso futbolístico. Semella que no espírito humano, que ao cabo leva maiormente desfrutando da democracia soamente medio século, ten unha insá saudade por aqueles tempos nos que, como dicía Hobbes, a vida era “solitaria, pobre, dura, bruta e breve”.  

Trump, presidente dos Estados Unidos
Trump, presidente dos Estados Unidos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos