Sanidade modificará o formato do mapa das alertas da covid para "concretar" máis a información de cada concello

En canto ao mapa que cada día actualiza o Sergas na súa páxina web dedicada ao seguimento dos datos da pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2020 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

A consellería de Sanidade modificará nos próximos días o formato do mapa de alertas da covid por municipio para "concretar" máis a información da "incidencia acumulada" de cada concello, aínda que descarta ofrecer datos por baixo do limiar de "dez positivos ou menos" porque consideran "perigoso" que se poida "identificar a persoas".

Así o dixo o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesañan, en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada polo deputado socialista Xullo Torrado, que acusou á Xunta de empregar a información da pandemia de forma "malintencionada" para construír un "relato ególatra" ao redor da figura do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. "Con iso sálvanse eleccións pero non se salvan vidas", apostilou Torrado.

Na súa resposta, o titular de Sanidade defendeuse das críticas do PSdeG sobre a "falta" información aos concellos e puxo como exemplo que, desde que asumiu a súa responsabilidade á fronte da Consellería hai pouco máis de dous meses, mantivo "72 reunións" con alcaldes de localidades nas que se impuxeron restricións.

En canto ao mapa que cada día actualiza o Sergas na súa páxina web dedicada ao seguimento dos datos da pandemia, García Comesaña sinalou que non se trata de ter "un ranking ou unha competición" de cales son os concellos con máis casos, senón que se trata de dar unha evolución da situación epidemiolóxica, algo que, ao seu xuízo, está a cumprirse como, di, demóstrano as informacións na prensa cada día.

Neste sentido, avanzou que nos próximos días se reconfigurará o formato deste mapa para "concretar" en maior medida a información sobre a incidencia, pero excluíndo aquelas localidades con menos de 10 casos positivos activos.

"O que non imos proporcionar son nomes e apelidos da persoa que dean positivo, como pediron alcaldes do seu partido", espetou García Comesaña nunha mensaxe dirixida a Xullo Torrado, que lamentou que a Administración autonómica "utilice a información de forma partidaria porque hai unha persoa que quere sentirse máis alto e máis guapo", en alusión velada a Núñez Feijóo.

AXUDAS A AUTÓNOMOS

Por outra banda, na última das interpelacións parlamentarias do pleno ordinario que concluíu este mércores, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu o plan de axudas a autónomos presentado pola Xunta, que consta de tres liñas de axudas "consensuadas" cos axentes sociais e que prevén chegar a 30.000 autónomos e 10.000 micropymes.

Fíxoo en resposta a unha interpelación feita polo deputado do BNG Daniel Pérez, que puxo en cuestión o compromiso da Xunta cos autónomos, especialmente cos que dependen dos sectores "máis castigados" polas medidas restritivas para atallar a pandemia, como o turismo e a hostalaría.

Fronte a estas críticas, Lorenzana enxalzou o programa de axudas exposto pola Administración autonómica para a hostalaría e que "a diferenza" do elaborado polo Estado "si permite" compatibilizar a recepción de axudas con manter parte da actividade coa venda a domicilio.

Por último, a conselleira reclamou á Administración central que estenda a vixencia dos ERTE ata o fin do estado de alarma, que se prolongorá ata a primavera, período no cal, previsiblemente, manteranse medidas restritivas con efectos negativos para determinados sectores económicos.

"Oito meses ata que anunciaron o plan de rescate para os autónomos. A vida para a Xunta empeza este mes. Para moitos autónomos xa non hai vida porque xa están pechados", espetou o deputado do BNG Daniel Pérez, que acusou á Administración autonómica de "pecar unha vez máis de falta de previsión".

O parlamentario nacionalista acusou á Xunta de ser "incapaz de monitorar a realidade social e económica" do sector dos autónomos, ao que se ofreceu "parches" como axudas que, nalgunhas ocasións, resultaron un "fracaso" porque se trataba de créditos que "non xeraron confianza" nos propietarios de negocios.

Mapa de incidencia do COVID nos últimos 7 días en Galicia, a 11 de novembro de 2020, segundo os datos publicados polo Sergas.. CONSELLERÍA DE SANIDADE
Mapa de incidencia do COVID nos últimos 7 días en Galicia, a 11 de novembro de 2020, segundo os datos publicados polo Sergas.. CONSELLERÍA DE SANIDADE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta