O presidente dos hostaleiros de Ferrol alerta de que profesionais do sector "xa pasan fame"

Emilio Vázquez avisa de que o peche de locais "é un problema moi serio".

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 12/11/2020 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, Emilio Vázquez, alerta de que "xa se está vendo que hai fame en moitas familias que dependen dos establecementos de hostalaría, tanto en propietarios como en empregados". Este xoves, un 200 autónomos da hostalaría e o pequeno comercio concentráronse na Praza de Armas de Ferrol co apoio da Asociación de Empresarios de Hostalaría e o Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena.

Hostaleiros e comerciantes concentrados na praza de Armas de Ferrol
Hostaleiros e comerciantes concentrados na praza de Armas de Ferrol | Fonte: Europa Press

Alí, Emilio Vázquez avisa de que o peche de establecementos durante un mes decretado pola Xunta debido á pandemia é un "un problema moi serio" para o sector, pois hai empregados que seguen sen ingresos polo "atraso á hora de cobrar o ERTE".

O presidente da asociación --que aglutina a uns 800 establecementos nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal-- remarca que "Ferrol xa vén dunha crise constante á que agora se uniu esta pandemia". "Vemos como se vai apagando, imos perdendo poboación, sen recuperar actividade e vai motivar que moitos negocios xa non van volver abrir a porta", lamenta.

"As ganas de pelexar vánsenos cando ves que non tes ningún apoio, que cando ves que estás a cumprir unha idade xa non estás para experimentos", expón. "Hai xente que logo se nos vai render, primeiro pola pobreza e despois porque ve que a hostalaría é moi pouca valorada, porque coa palabra peche tiña que chegar tamén a palabra axuda, e iso non o conseguimos", agrega.

COMERCIOS

Pola súa banda, o presidente do Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, Cristóbal García Nores, mostra a súa "esperanza" de que cando acaben as restricións de mobilidade "isto se recupere un pouco", "coas normas sanitarias necesarias".

"Pero o Nadal vemos que vai ser complicado", pois "seguramente non cheguemos ás cifras que necesitamos para salvar a campaña".

García Nores incidiu nesta concentración que xa hai moitos comerciantes que "non están a abrir estes días e hai moitos peches que van ser definitivos, porque é inasumible a situación, con moita xente que manifesta que non teñen posibilidade de volver abrir". "Xa se está falando dun 20% de peches por mor desta situación, aínda que nós entendemos que van ser máis", finaliza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta