Desarticulan unha banda sospeitosa de roubos con forza nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra

Durante seis meses, a Garda Civil practicou 21 detencións e realizou seis rexistros en vivendas e leiras situadas nos termos municipais de Vilalba, Abegondo, Mesia e Ordes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2020 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou a unha banda formada por 21 persoas á que se lle atribúen roubos con forza nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra rexistrados en vivendas, naves industriais, explotacións agrícolas e igrexas.

Segundo informou o Instituto armado nun comunicado, a operación policial arrincou o pasado mes de maio despois de que se detectasen roubos nos municipios lucenses de Friol e Guitiriz. Estes sucesos centraron as primeiras pescudas nun grupo de mozos veciños das localidades de Curtis, Sobrado, Toques, Friol, Guitiriz e Melide.

Tras iso, ao longo destes seis meses, a Garda Civil practicou 21 detencións e realizou seis rexistros en vivendas e leiras situadas nos termos municipais de Vilalba, Abegondo, Mesia e Ordes.

A Garda Civil sinalou que o material intervido alcanza un valor de mercado ao redor dos 200.000 euros, entre os que destaca un tractor agrícola, un tractor cortador de herba, dez motociletas, seis remolques lixeiros, nove televisores, 37 teléfonos móbiles, 70 trades e radiais, 50 motoserras, 11 rozadoras de man, ademais de diverso material informático. Entre outras cuestións, os axentes tamén incautaron dun rifle de calibre 22.

Ademais, no marco da operación, desarticulouse un punto de vendas de sustancias estupefacientes no termo municipal de Toques e Boimorto. Neste último concello, no lugar de Rodieiros, os axentes localizaron nunha leira, propiedade dos investigados, 43 gramos de speed, 1,2 gramos de heroína, 17 gramos de haxix e 64 gramos de marihuana. Tamén unha báscula de precisión, material para a elaboración de dose e 10.300 euros en efectivo.

ESCLARECIDO OUTRO ROUBO EN LUGO

Por outra banda, noutro comunicado, a Policía Nacional identificou a un veciño de Lugo, de 38 anos de idade e antecedentes penais, un roubo ocorrido en decembro do ano pasado nunha vivenda do bario do Sacro Corazón.

En concreto, os feitos producíronse durante unha noite e do lugar foron subtraídas xoias e diversos aveños por valor de 1.000 euros.

Por último, a Policía Nacional da Coruña informou da recuperación de numerosos efectos subtraídos en diferentes feitos delituosos, algúns dos cales xa foron reintegrados aos seus propietarios.

Nota De Prensa. GARDA CIVIL
Nota De Prensa. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta