Un total de 75 concellos non teñen bibliotecas e só o 31,6% dos galegos fai uso delas

A asociación que agrupa a estes profesionais pide mellorar as partidas orzamentarias.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 16/11/2020 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Só o 31,65% da poboación galega usa os servizos bibliotecarios, segundo as últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2018 e publicadas polo Ministerio de Cultura. Ese ano, en Galicia o número de concellos sen bibliotecas situábase en 75 concellos, mentres que o investimento por habitante situouse por baixo da media española (8,93 fronte a 10,21 no conxunto do Estado).

Estes datos foron solicitados pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad), que subliña o feito de que Galicia se sitúe por baixo da media estatal nos principais parámetros analizados, excepto no número de documentos por habitante e no gasto en adquisicións por habitante.

"Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do Estado", sostén esta asociación, que destaca, no entanto, que con respecto ás estatísticas de 2017 se mellora "en adquisicións por cada 1.000 habitantes onde pasamos de 67,37 no ano 2017 a 109,27 no 2018, o que supón un incremento de 41,9 adquisicións por cada 1.000 habitantes".

MEDIDAS

Entre os aspectos positivos, cita este dato no que asegura "teñen especial relevancia as axudas á adquisición de fondos bibliográficos que ten en marcha a Administración autonómica".

Como aspectos negativos, incide na "necesaria mellora das partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos". "Nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratacións de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais", cita, entre outros aspectos.

Por outra banda, reclama o desenvolvemento, por parte da Xunta de Galicia, da "lexislación bibliotecaria aprobada hai xa oito anos". En concreto, alude ás cuestións vinculadas aos aspectos organizativos, á vez que demanda a implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles.

Biblioteca da USC durante a 'nova normalidade'. USC - Arquivo
Biblioteca da USC durante a 'nova normalidade'. USC - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta