España sen memoria

Estes días atrás morreu Videla, un señorito ridículo con bigote ridículo. Seica finou despois de caer no baño e por unha fractura e unha hemorraxia interna froito do impacto contra do chan. E sen desexarlle o mal a ninguén, tampouco aos fillos de puta, cómpre recoñecer que aínda tivo sorte e que non sufriu nin a metade do que sufriron moitos e moitas torturados polo seu réxime bárbaro.

Por Francisco Castro | Vigo | 27/05/2013

Comparte esta noticia
Estes días, lin nalgún sitio que a diferenza da transición española (esa que nos venderon como exemplar e exemplarizante para todoomundodediós), os arxentinos souberan meter no trullo aos dictadores, xulgalos e condealos, facendo así xustiza coas vítimas e, de paso, axudando a facer memoria. E que mentres que Videla morreu en prisión, Franco sigue no Valle de los Caídos, facendo gasto, ademais. E así resulta que aos que nos gustaría (como piden moitas asociacións de vítimas) pechar o mausoleo (que vén sendo un monumento a un asasino) para facer alí un Museo da Memoria, como por exemplo se fai nos países civilizados con afán pedagóxico, pois resulta, dicía, que non, que esas cousas non se fan, e rematamos financiando a tomba do becho con cartiños que se poderían dedicar a cousas máis interesantes e, sobre todo, a cousas moralmente máis defendibles.
 
O que hai é que sacar os restos de Franco daí, darllos á familia e que fagan con eles o que lles pete.
 
Para facer xustiza e para facer memoria, insisto.
 
O que pasa é que, cando dis este tipo de cousas, axiña se di que estás facendo un exercicio de demagoxia. E todo o que teña que ver coa Memoria Histórica, básica para que un pobo poida respirar e tirar para adiante, fundamental para aprenderlle ás novas xeracións o que cómpre non repetir, prova que axiña aparezan os nostálxicos daquel tempo escuro (para eles luminoso) e os do PP, vetando iniciativas para "desfranquizar" as cidades e repetindo, como se tal cousa fose verdade. que "non hai que reabrir as feridas". Carafio: se recoñecen que hai unha ferida o que hai que procurar que cicatrice. E iso é algo que só pode acontecer aireando a parte danada. Xa o din os médicos. Nada de tiritas, que lle dea o aire e que cure a ferida. Pois iso.
 
En España hai un grave problema de memoria. E de cada vez que tentamos afrontalo alguén se nos pon en fronte brazo en alto dicindo que non. E é un erro. Un erro histórico e histérico, porque a sociedade é madura dabondo para aturar a verdade por tremenda que sexa. Non ter isto claro é seguir pensando (como os curas pensan) que todos somos menores de idade e, xa que logo, sen capacidade para entender nada importante.
 
En calquera caso, os datos son os datos: España é o segundo lugar do mundo (só gaña Camboia) con máis xente metida en fosas comúns.
 
Mortos da desmemoria.
 
Ao mellor, se falamos disto, as feridas cicatrizan e, sobre todo, ninguén volve abrir fosas comúns para guindar a ninguén dentro nunca máis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro