A hostalaría de Ferrol lanza un "berro de auxilio": "Pedimos un rescate para poder seguir adiante"

Unhas 600 persoas participaron na mobilización que percorreu ao mediodía o barrio da Magdalena.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Unhas 600 persoas participaron nunha manifestación que este mércores percorreu Ferrol para lanzar "un berro de auxilio" sobre o sector da hostalaría, que solicita "un rescate" ante a difícil situación que atravesan polas medidas impostas para conter a pandemia.

"Reclamamos un rescate. Nós non pechamos, pecháronnos e o que queremos é unha solución para poder seguir nos negocios vivindo do noso traballo", trasladou o portavoz de Hosteleiros e Autónomos Ferrolterra, Serxio Perille.

A marcha partiu minutos despois das 12,00 horas do mediodía da praza de España e percorreu boa parte do barrio da Magdalena, con paso polas rúas Real, Arce, praza de Amboage, rúa Dolores para finalizar na praza de Armas, onde os asistentes fixeron soar os seus chifres e empregaron as súas bandexas para servir a modo de bombo.

Os hostaleiros, que contaron co apoio de autónomos doutros sectores e de traballadores do naval, solicitan a suspensión de impostos ante os nulos ingresos que teñen estas semanas. "Se non temos ingresos non podemos afrontar os pagos", reivindicaron, á vez que alertan da "moi preocupante" que atravesan moitos negocios que poderían non poder reabrir cando as autoridades o permitan.

O hostaleiro ferrolán detallou que os peches se viñeron realizado de maneira graduada: "primeiro os do lecer nocturno, daquela os que non tiñamos terraza e por último todos". Unha situación na que botan en falta axudas económicas que, polo momento, denuncian que se limitan "a publicidade nos medios de comunicación".

Protesta dos hostaleiros de Ferrol
Protesta dos hostaleiros de Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta