Feijóo: "O risco entre 12 persoas de dúas unidades familiares é menor que o risco entre seis persoas de tres familias"

O presidente da Xunta pide que os menores de 10 anos non somen nas restricións das reunións. Defende fixar "un marco común" en España para a celebración das festas que deixe marxe para axustarse á situación de cada autonomía.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/11/2020 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O comité clínico realizará nas próximas semanas as propostas que deben rexer a celebración das festas do Nadal en Galicia, aínda que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este xoves que xa hai algunhas cuestións "a debate", como a posibilidade de que computen unidades familiares --no canto dos seus integrantes individualmente-- e que "non conten" os menores de 10 anos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Feijóo defendeu a importancia de "diferenciar" entre "sumar persoas e sumar unidades de convivencia" e puxo un exemplo: "O risco entre doce persoas de dúas unidades familiares é menor que o risco entre seis persoas que pertencen a tres familias".

Tamén se reafirmou nunha cuestión que xa deixara sobre a mesa na pasada xornada: a posibilidade de que os nenos non computen como un adulto no límite das reunións.

Se na pasada xornada avogou por empregar "unha metodoloxía distinta" para os menores, este xoves foi un paso máis aló e esgrimiu que os pediatras son os que están a avaliar "cal sería a franxa de idade idónea", co comité clínico como referencia.

Pero apuntou que na contorna dos dez anos para abaixo os expertos apuntan que os nenos teñen unha menor capacidade de transmisión dos virus. Por iso, a proposta da Xunta é que se analice a posibilidade de que "os nenos menores de 10 anos non conten".

"Serán os pediatras os que concreten os protocolos. Imos tentar orientar a cuestión cun mínimo de literatura científica", dixo.

"MARCO COMÚN"

Unha vez máis, Feijóo queixouse de que as comunidades non conten con documentación previa ao Consello Interterritorial de saúde, co que nin se poden realizar "alegacións" nin se "aproba" nada porque "non está estudado, nin reflexionado, nin perfilado".

"Aquí é todo ao revés", lamentou, antes de defender que se fixe "un marco común" en "todo o territorio de España". "Parécenos algo correcto e positivo cunhas premisas básicas", dixo, antes de matizar que este marco debe deixar marxe para que cada autonomía poida adoptar medidas e dar pasos acordes á súa situación epidemiolóxica.

Á marxe diso, advertiu que as medidas deben concretarse "a poucas semanas" do Nadal porque "nun mes" a situación pode "manterse estable, mellorar ou empeorar moito".

REAPERTURA DE CONCELLOS

Neste sentido, apelou á "prudencia" sobre a posibilidade de reabrir concellos pechados e coa persiana baixada na hostalaría para a ponte da Constitución e Nadal. "Se hai concellos que se poden abrir antes do 6 de decembro, esa decisión coñecerase", dixo.

A última palabra, engadiu Feijóo, teraa "o comité clínico", destacando ademais que as cidades de Santiago, Ourense e A Coruña están en "mellor" situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta