GC Aberto

Non é só Corcoesto

Corcoesto non é o final do percorrido mineiro en Galicia. É tan só o inicio dun plan deseñado meticulosamente pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo que nos situará á mesma altura que unha colonia africana do finais do século XIX, cando o capitalismo e a revolución industrial asentáronse en Europa e necesitaban expandirse en busca de zonas que puidesen ser fonte de suministro de materias primas.

Por salvemoscabana (http://www.salvemoscabana.blogspot.com) | GC ABERTO | 02/06/2013

Comparte esta noticia

Por aquela época, que chegou á súa máxima expresión na Conferencia de Berlín de 1884, a minaría foi un claro obxectivo no reparto que os países europeos fixeron de África, que por aquel entón era territorio ignoto. A súa exploración, foi así unha aventura de descubrimento, na que o río Congo foi o río por excelencia, punto de encontro de famosos exploradores como Livingstone e Stanley.

Formado pola confluencia dos ríos Lualaba e Luvua, no sector meridional da República Democrática do Congo, o seu cauce fluvial avanza en dirección sur-norte ata as cataratas Stanley, punto no que o seu curso xira cara ao oeste e o sur ata desembocar no océano Atlántico. O quinto río máis longo do planeta é navegable durante gran parte do seu percorrido por embarcacións tanto comerciais coma destinadas ao transporte de persoas, o que nos inicios da época colonial supuxo un atractivo innegable para as potencias de entón, pois entre Bélxica e Francia chegou a haber unha forte conpetencia porque isto supoñía o acceso aos cobizados recursos.

Hoxe igual que onte, o Congo desángrase polo colonialismo depredador do século XXI en busca de minerais preciosos como o ouro, e tecnolóxicos, como o coltán. Dende 1998, máis de cinco millóns de persoas perderon a vida nun conflito irresoluble encistado polas decenas de grupos paramilitares que operan sobre todo no leste do país. E non lonxe, en Mali, segundo a recoñecida ONG Human Rights Watch, polo menos 20.000 nenos traballan en condicións extremas na minaría artesanal do ouro, revelando que mesmo nenos de só seis anos teñen que cabar pozos mineiros, realizar traballos subterráneos, levantar grandes cargas e traballar con mercurio para recuperar manualmente o mineral con graves consecuencias para a súa saúde.

Véndesenos que tanto o ouro coma o coltán son necesarios, imprescindibles para o desenvolvemento das novas tecnoloxías, porque todo o mundo quere ter móbil ou dispoñer do último modelo de ordenador ou tablet, pero a realidade é ben distinta. A nivel internacional, o ouro emprégase entre un 80 e 90 por cento dos casos como activo financeiro e en xoiaría e o coltán, unha combinación de columbita e tantalita en estado sólido, sobre todo na industria aeroespacial e sobre todo na militar. Que non nos enganen.

Galicia non é unha mina, como pretenden vendernos dende a Xunta. Nin tampouco unha colonia, aínda que así nos consideren os impulsores e os que apoian a Mineira de Corcoesto. Quizais algúns non saiban que o outro gran proxecto de futuro desta empresa canadense está en Ghana: Enchi, "un proxecto grande, sobre estruturas grandes" en palabras do xeólogo norteamericano George Salamis, Presidente da compañía Edgewater.

O que hai que saber é que non se trata só de Corcoesto, senón de todo o que virá despois. Unha planta de cianuración autorizada que podería tratar mineral non só da Bisbarra de Bergantiños, senón de toda Galicia. Que futuro nos espera? Cales serán as consecuencias? Iso é o que deberían de calibrar, e non fan, os que nos gobernan.

Pero hai esperanza. O prezo do ouro está en caída libre, e os investidores están a empezar a preguntar en Europa que é o que pasa co proxecto mineiro de Corcoesto. E sobre o porqué a masiva protesta social que se desatou non aparece reflectida nas presentacións da empresa, porque un goberno amigo pode dar paso a un que se opoña rotundamente ao saqueo. E o tempo, sempre o tempo, é inexorable, e pasa rápido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta