O calvario duns galegos 'okupados': "viven no piso pola cara mentres nós seguimos pagando a hipoteca"

Unha parella denuncia que, tras dous xuízos, son incapaces de expulsar a uns inquilinos que "levan un ano sen pagar aluguer".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

"Non hai forma de sacalos de alí". Con estas palabras arrinca o relato de Ana Belén, unha fisterrá que, segundo conta en redes, leva xa tres anos padecendo un auténtico calvario cos seus "exinquilinos". Os individuos en cuestión, unha parella con fillos, levan "máis dun ano" habitando un inmoble en réxime de aluguer pero "sen pagar nada, nin á comunidade nin a nós". Agora, un xuíz vén de desestimar os seus movementos para expulsalos do piso, obrigándoos a manter os okupas durante "polo menos un ano".

A parella asegura ter sido 'defraudada' pola Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo
A parella asegura ter sido 'defraudada' pola Xustiza. EUROPA PRESS - Arquivo

O via crucis desta parella de galegos -Ana Belén comparte propiedade co rianxeiro José Ángel- arrincou en 2017, cando deciden sacar ao mercado unha vivenda de Catoira. O obxectivo, explica hoxe José Ángel, non era sacar beneficio senón compensar a hipoteca que ambos levaban abonando dende 2010, duns 200€. "Decidimos poñelo en aluguer con opción a compra e apareceron estes inquilinos", explica.

A problemática xurdiu, segundo Ana Belén, pouco despois de acordar por escrito cos inquilinos a venda dos mobles do piso, ao que pouco despois seguiría un contrato para transferir o propio inmoble. Meses despois, Ana Belén e José Ángel atopáronse con que os inquilinos "non pagaban" e mesmo chegaron a "bloquealos" en redes sociais para romper contacto.

XUÍZO PERDIDO POR UN ERRO BUROCRÁTICO

Ante estas circunstancias, a parella decidiu levar os inquilinos a xuízo para demostrar que os contratos asinados non foran compensados co pagamento acordado. A moza fisterrá explica aínda con estupor como o xulgado fallou a favor dos inquilinos por un erro administrativo: "un contrato fora asinado o 31 de decembro e outro o 1 de xaneiro", explicou. O trámite deixou aos propietarios sen poder acceder á vivenda. Por riba, explican, o xuízo obrigounos a facer fronte a uns pagamentos de 8.000€, entre as costas procesais e os honorarios do seu letrado.

É neste momento cando os inquilinos, véndose acurralados por un horizonte de futuros xuízos, terían comezado a desenvolver unha práctica habitual entre okupas: manobrar para adiar o máximo posible os trámites legais. "Non quixeron entregar as chaves, e comezaron a mandar burofax fraudulentos", explica Ana Belén. A muller recorda tamén como nestes días os inquilinos demandaron unha documentación necesaria para facer a compra, que eles -di a parella- xa mandaran meses atrás.

"NÉGANSE A DEVOLVER AS CHAVES"

Esta escalada de tensión ten lugar nos últimos días de 2019, cando os inquilinos "se negan a devolver as chaves" e "a saír da vivenda". "Decidín non denuncialos neses mesmo momento porque eu tamén teño fillos", explica a dona, "pero vimos que non tiñan interese en pagar. Chegaron a dicir 'de aquí só nos saca un xuíz'". Este momento marcou un punto de inflexión que levaría o conflito ao punto morto legal onde se atopa agora, con poucas posibilidades de mellorar para os donos.

Con esta situación ante eles, a parella propietaria decide levar novamento os inquilinos a xuízo. A vista na Audiencia Provincial remata tendo lugar o pasado 2 de novembro como consecuencia do adiamento pola pandemia. A sorpresa dos propietarios chega cando, tras varios documentos "fraudulentos" para demorar a xustiza, o xuíz dá a razón os inquilinos ocupados. Segundo os propietarios, o maxistrado deu por boa a versión dos inquilinos, que afirmaron que non foran avisados de que a casa "estaba hipoteca". "Sabíano perfectamente dende 2016", explica José Ángel.

A sentencia deixa nunha posición especialmente delicada á parella propietaria, que decidiu non presentar recurso ao non dispoñer de documentación nova. A indignación apréciase de xeito evidente en cada un deles. Polo momento, saben que terán que contar cos seus inquilinos non desexados durante, polo menos, 12 meses. "Viven no piso pola cara mentres nós seguimos pagando auga e hipoteca", resume Ana Belén nun vídeo con vistas a facerse viral. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lagarteiro

Semella estarmos vendo un programa de Ana Rosa Q! Que xornalismo de pataconada!! Só fica que aparecese ao final da nova o tlf da Xunta para denunciar okupacións! Un pouco de nível, por favor, que non somos de encefalograma plano!