Xunta e sindicatos negociarán unha OPE con 2.507 prazas de acceso libre

Un total de 1.276 son para estabilizar o persoal de servizos sociais do Consorcio, que vén de modificar os seus estatutos para iso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2020 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Xunta e os sindicatos con representación na administración pública negociarán unha oferta pública de emprego que inclúe 2.507 prazas de acceso libre, das cales 1.276 son para estabilizar o persoal dos servizos sociais integrados no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar.

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta | Fonte: Europa Press

Precisamente, a pasada semana, a asemblea do Consorcio aprobou a modificación dos seus estatutos pola que se deu apoio a esta oferta pública no sentido de que o persoal que presta os seus servizos para esta entidade pasará agora a depender da Administración autonómica.

Ás prazas de acceso libre, súmanse outras 395 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, e tamén se suman 3.404 postos para continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta, pactado no acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público asinado en 2019 UXT e CC OO.

Na proposta trasladada ás organizacións sindicais, o maior número de prazas de acceso libre concéntrase na escala de axentes técnicos facultativos, con 539 prazas na especialidade de xardín de infancia; na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, con 484 prazas, das cales 476 son para a especialidade de persoal de limpeza e cociña e oito para a especialidade de recursos naturais e forestais; na escala de técnicos facultativos, 296; na de persoal de servizos xerais (PSG), con 173 prazas; na escala de xerocultor, 151; e no corpo auxiliar, con 102 prazas.

A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias. As probas desenvolveranse a través do sistema concurso-oposición.

No ámbito administrativo destacan 68 prazas para o corpo superior (A1), 58 para o corpo de xestión (A2), 69 para o corpo administrativo (C1), 102 para o corpo auxiliar (C2) e 60 prazas para a agrupación profesional de subalterno (AP).

A proposta de decreto inclúe 395 prazas reservadas para a promoción interna de persoal funcionario. A elas só poderán acceder aqueles empregados públicos que xa teñen unha praza fixa na Administración e que queren opositar para alcanzar un ascenso ou promoción profesional. As probas tamén se desenvolverán a través do sistema de concurso-oposición.

Adicionalmente, tamén se recollen 3.404 postos para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. Trátase dun proceso moi demandado, explica a Xunta, e ao que se acolleu o 95 por cento do persoal susceptible de funcionarizar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta