Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 14:11
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este martes, xunto co autor, produtor e protagonista, Rubén Riós, a miniserie documental 'Camiñantes do noso', un proxecto que porá en valor, a través do testemuño de 10 anciáns, a lingua e identidade galegas co Camiño de Santiago como pano de fondo.
A miniserie, que se enmarca no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, constará de 10 capítulos de cinco minutos de duración cada un, nos que o actor Rubén Riós percorrerá o dez etapas da Vía da Prata que separan A Canda, na provincia de Ourense, de Santiago de Compostela. Cada capítulo abordará, desde a perspectiva e experiencia dos máis maiores, un tema concreto como o Camiño de Santiago, o abandono rural, o coronavirus ou a violencia de xénero, entre outros.
Rubén Riós, responsable do documental, subliñou a importancia deste proxecto para "empoderar" a unha xeración que, por mor da pandemia de covid-19, está "en perigo de extinción". "Con este documental, os nosos maiores senten que son escoitados. Moitos deles non foron á escola, pero teñen outro tipo de información moi valiosa: a experiencia", destacou Riós.
Pola súa banda, Valentín García, destacou o acerto de unir o Camiño de Santiago co "camiño vital" dos anciáns, así como o recoñecemento do seu papel en "a creación da Galicia presente e futura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.