Luz verde a 985 novas prazas en sanidade e case 3.000 para servizos xerais que CIG e CSIF consideran "insuficientes"

Feijóo reitera que, sumada a convocatoria pendente de Educación, Galicia alcanzará unha cifra "histórica" de prazas públicas de emprego en 2021.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/12/2020 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este xoves as ofertas de emprego público correspondentes ao ámbito sanitario (con 985 prazas) e aos servizos xerais autonómicos (case 3.000). Aínda que se corresponden co exercicio de 2020, ambas as convocatorias materializaranse en 2021, do mesmo xeito que a pendente de educación, e sumadas alcanzan, segundo reiterou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a "histórica" cifra de 7.601, a máis alta dos últimos 12 anos.

Reunión do Consello da Xunta
Reunión do Consello da Xunta | Fonte: Goberno galego.

No que respecta ao decreto de oferta de emprego público de emprego da Administración Xeral da Xunta para o ano 2020, o total ascende a 2.962 prazas, un 67% máis que na convocatoria de 2019.

Inclúe, segundo Feijóo, 2.567 prazas de acceso libre, un 66% máis que en 2019, das cales 1.276 son para "a estabilización e consolidación" do persoal dos servizos sociais integrados no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. E tamén se ofertan 395 prazas para a promoción interna do persoal funcionario.

Ademais, o decreto --que recibiu o apoio de CC.OO. e UXT, pero non de CSIF e CIG-- conta con 3.410 prazas para continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo.

Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou "a sensibilidade coa discapacidade", cunha reserva de prazas para persoas con discapacidade que alcanza o 13,7% nas prazas de acceso libre, un 3,4% máis que na oferta de 2019. "É o momento, sen dúbida, para as persoas ás que lles interesa a Administración Pública, un momento histórico e unha gran oportunidade", remarcou.

SANIDADE: "NON É A OFERTA QUE NOS GUSTARÍA"

En relación á aprobación do decreto da oferta de emprego público correspondente ao ano 2020 no Servizo Galego de Saúde, Feijóo subliñou que, en total, inclúense 985 prazas: 973 prazas de persoal estatutario e 12 de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

Destas 973 prazas de persoal estatutario, 652 corresponden a persoal facultativo; 275 a persoal sanitario diplomado e de formación profesional; e 46 a xestión e servizos. Ademais, reservaranse 49 prazas para persoal con discapacidade xeral e 20 para o seu acceso por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Entre as novidades --que Feijóo xa avanzara--, inclúense nos procesos das especialidades de medicina unha puntuación específica, a concretar na mesa de negociación, que valore a prestación de servizos en hospitais comarcais ou centros afastados das urbes.

E no que respecta ao persoal funcionario, apróbanse 12 prazas de Saúde Pública, que se acumularán ás aprobadas no 2018 e 2019, nun único proceso, cun total de 82 prazas.

"Pero non imos esquecer que esta non é a OPE que nos gustaría. Nós pedimos e seguimos pedindo ao Goberno central que se elimine a taxa de reposición, co que poderiamos estar a convocar 3.500 prazas. Queremos ofertar todas as prazas vacantes", concluíu.

CRÍTICAS

Os sindicatos CSIF e CIG consideran que non se convocan as prazas suficientes. Para CIG, despois de "moitos anos dunha importante redución de cadro de persoal" na Administración autonómica, coa "desculpa da crise económica", e despois de que a pandemia demostrase a "necesidade de contar cuns servizos públicos ben dotados en medios e persoal", o Goberno galego "non crea nesta oferta pública nin un só posto de traballo novo".

Así, censura que "se limita a repor exactamente o mesmo número" de baixas do ano anterior e a ofertar postos "que xa existen", ben sexa porque están ocupados por persoal interino ou temporal, ao que suma un a "promoción interna insuficiente e un proceso de funcionarización de persoal laboral que xa é fixo e que, por tanto, xa ten praza".

Nesta liña pronunciouse CSIF, que considera que os funcionarios "seguen pagando as consecuencias do indecente acordo de concertación de emprego público, asinado por CC OO e UXT". Coa oferta pública para 2020, os funcionarios, di, "volven perder un ano máis a oportunidade de ver cumpridas as súas expectativas de promocionar".

Neste sentido, advirte de que as prazas convocadas para ser cubertas por promoción interna "non están limitadas pola taxa de reposición", polo que "é posible convocar todas as prazas abertas a varios subgrupos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta