Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 10:19
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta elevou a vermella a alerta por temporal costeiro no noroeste e oeste do litoral da Coruña.
Nun comunicado remitido aos medios, o departamento autonómico lembra que, segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro comezou na madrugada do venres e espérase mar combinado do noroeste, con ondas de oito a nove metros.
Ata o xoves, estaba vixente a alerta laranxa en todo o litoral galego. Con todo, o noroeste e oeste da Coruña pasan a alerta vermella, mentres que se mantén o aviso laranxa para a Mariña lucense, o suroeste da Coruña e a costa de Pontevedra por ventos do oeste ou do noroeste forza oito e mar combinado do noroste, con ondas de ata seis metros.
Ademais, o nivel de aviso será amarelo por nevadas no interior das provincias da Coruña e Pontevedra e en boa parte das de Lugo e Ourense. Tamén haberá alerta amarela por ventos do suroeste de ata 80 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.
Por este motivo, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como aos clubs náuticos, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.