Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2020 | Actualizada ás 21:00
O parque éolico de Bustelo, previsto para a zona homónima do lugar de Valenza, en Coristanco, podería quedar anulado por un posible erro administrativo da man da Consellería de Medio Ambiente. Así o afirma a asociación Petón do Lobo, que pide a impugnación do trámite por "omisión e falla de avaliación" dos efectos do parque nesta especie, asentada na zona.
Segundo destacan dende a plataforma, se o lobo non é mencionado na declaración de impacto ambiental --circunstancia que así defenden-- o conxunto do trámite sería "nulo" de xeito "radical". "A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tanto se centrou na protección da flor Centaurea ultreiae, unha margarida única na zona e protexida pola normativa, que esqueceu outra especie presente na zona e protexida polo Convenio de Berna", ironizan dende a plataforma en respecto ao lobo.
A declaración de impacto ambiental realizada pola Consellería do ramo resulta crucial para a autorización do proxecto, unha declaración na que de acordo con Petón do Lobo non hai mención algunha ao animal que dá nome á plataforma. "Esta omisión acarrexa implícita unha posible prevaricación por omisión en relación ao empregado público responsable de informar o proxecto industrial", apuntan en relación a unha tarefa que neste caso correspondería á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
CONSECUENCIAS FATAIS PARA A ESPECIE
Por outro lado, e á marxe da cuestión legal que rodea ao proceso, dende Petón do Lobo alertan dos efectos fatais que esta clase de intervencións na paisaxe e o medio teñen sobre os lobos. Segundo destacan, trátase de animais territoriais, de xeito que se abre a porta a mortes entre membros da mesma especie por colisión de territorios ante a imposibilidade de habitar onde chegarían a estar os eólicos.
Ante estas circunstancias, a plataforma insiste na necesidade de facer valer a "nulidade radical e de pleno dereito" da declaración de impacto ambiental. Deste xeito, insta á cidadanía afectada destes concellos a impugnar o proceso de luz verde da Xunta. Se Medio Rural non atende as demandas de Petón do Lobo, o macroparque eólico de Bustelo estaría rematado entre finais de 2021 e comezos de 2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.