PP e BNG pídenlle ao Goberno central que transfira á Xunta de Feijóo a xestión do ingreso mínimo vital

A Cámara pide que Europa deixe ao naval de Ferrol beneficiarse de axudas a fondo perdido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

A Cámara galega aprobou demandar ao Goberno de España a transferencia á Xunta que goberna Feijóo da xestión do ingreso mínimo vital e pedir á Xunta que impulse as modificacións normativas necesarias para garantir a complementariedade da Risga con esta prestación, para facilitar a transición cara a unha renda única.

En concreto, o Grupo Popular e o BNG acordaron un texto por mor dunha iniciativa defendida polo deputado do PPdeG Alberto Pazos. Con todo, os socialistas abstivéronse despois de que o PP non aceptase a súa emenda.

"Necesitamos que se transfiran os fondos asociados a esta prestación para poder integralos nunha renda única que permita mellorar prestacións e evitar duplicidades", argumentou Pazos, que sostivo que este traspaso "resultaría dobremente importante pola necesidade de axilizar as axudas" e porque non se pode aceptar "un trato discriminatorio a Galicia. "Non existe ningún impedimento para que este traspaso se concreto, excepto a vontade do Goberno de Pedro Sánchez e de Pablo Iglesias de castigar, unha vez máis, a Galicia", indicou. 

APOIO CON CRÍTICAS DO BNG

Aínda que finalmente os nacionalistas chegaron a un acordo sobre a iniciativa co PP, a deputada Olalla Rodil mostrouse crítica cos obxectivos dos populares. "A vostedes impórtalles a condición de nación histórica deste país cero, o que lles importa é canto de útil é para zorregarlle a Sánchez", afeoulle.

Pola súa banda, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que formulou unha emenda que foi rexeitada polo PPdeG e na que pedía chegar a un acordo para establecer un "marco de colaboración" sobre este asunto, acusou aos populares de buscar a confrontación. "O Grupo Popular non trae unha iniciativa para que o Goberno galego poña medios para cambiar a situación de vulnerabilidade na que levan vivindo moitos homes e mulleres 11 anos..., trae unha iniciativa para zorregarlle unha vez máis ao Goberno de Sánchez", dixo.

Colas no Concello de Vigo para pedir, entre outras cousas, información sobre o Ingreso Mínimo Vital
Colas no Concello de Vigo para pedir, entre outras cousas, información sobre o Ingreso Mínimo Vital | Fonte: c Miguel Núñez

AXUDAS FERROL

Por outra banda, o Parlamento galego pediu por unanimidade dos grupos con representación na Cámara, PP, BNG e PSOE, que Europa deixe ao sector naval de Ferrol beneficiarse de axudas a fondo perdido.

A iniciativa partiu do PPdeG e xerou un debate no pleno no que populares e socialistas cruzaron reproches pola situación de Navantia, mentres o BNG acusoulles de "xogar" a "meterse o dedo no ollo" coas necesidades desta comarca. En concreto, o texto aprobado solicita no seu punto terceiro que a Xunta se dirixa ao Goberno central para que este faga a solicitude á Comisión Europea de consideración do naval como "sector estratéxico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta