Amigas da Terra: "Non podemos agardar máis atropelos nos pasos de peóns de Ourense"

Denuncia os problemas de mobilidade de Ourense, que causan feridos e mortos todos os anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

O pasado 9 de decembro morreu Juliana Braga en Ourense ao ser atropelada por un vehículo mentres cruzaba un paso de peóns. En concreto, o paso de peóns da rúa Pena Trevinca, no cruce con Serra de Queixa, onde o ano pasado morría nas mesmas circunstancias outra muller.

Paso de peóns. - Arquivo
Paso de peóns. - Arquivo

Dende Amigas da Terra denuncian que os problemas de mobilidade da cidade Ourensá non son "unha novidade" e que "esta morte non nos colle por sorpresa". Mediante un comunicado, recordan que en 2017 xa presentaran "13 medidas para a pacificación do tráfico e a mobilidade sustentable no marco da Mesa da Mobilidade e da Semana Europea da Mobilidade".

Ademais, en xullo de 2018, "ante a vaga de atropelos", esixiron ao goberno municipal a instalación de lombos para formar pasos de cebra elevados como se comprometeran na mesa da mobilidade e, a pesar destas propostas e intentos por mellorar a mobilidade en Ourense, o 24 de novembro de 2019, unha muller foi atropelada mortalmente a 100 m da rúa onde morreu Juliana Braga.

MENTALIDADE "COCHECÉNTRICA"

Amigas da Terra sostén que a falla de visibilidade, a choiva ou a rúa estreita "son pretextos" para non abordar o que cren que é un problema de fondo: "a velocidade, a cidade hostil para os peóns e a mentalidade 'cochecéntrica', da que forman parte a policía local, a consellería de urbanismo, o goberno municipal e a Xunta que xestionan o espazo público en Ourense".

 

O colectivo recalca que, incluso, recentemente, Stop Accidentes elaborou un informe sobre os pasos de peóns máis perigosos de España, entre os que destacaba o da rúa Pena Trevinca. 

 

Por isto, Amigas da Terra fai un chamamento ao concello de Ourense para que asuma as conclusións da mesa de mobilidade e presente un plan de pacificación para a cidade de Ourense. "Non podemos agardar máis asasinatos, por moito que sexan involuntarios, nos pasos de peóns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta